Ferrolterra prepárase para a eclipse total de Sol con máis de minuto e medio de escuridade nalgúns concellos

A comarca de Ferrolterra converterase o vindeiro 12 de agosto de 2026 nun dos mellores lugares de Galicia para contemplar a eclipse total de Sol. Segundo os cálculos publicados polo portal especializado Eclipseando, elaborados a partir dos datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) e das efemérides DE440s do JPL/NASA, todos os concellos da comarca quedarán dentro da franxa de totalidade, aínda que a duración do fenómeno variará segundo a localización.
O municipio que gozará dunha maior duración da eclipse será Cariño, onde o Sol permanecerá completamente oculto durante 106 segundos, iniciándose a fase de totalidade ás 20.26.47 horas. Moi preto situaranse Ortigueira, con 104 segundos, e Cedeira e Cerdido, con 100 segundos de escuridade total.
Tamén superarán o minuto e medio de totalidade As Somozas, con 99 segundos; Moeche, con 98; As Pontes, con 97; Valdoviño, con 97; San Sadurniño, con 95; Neda, con 92; A Capela, con 91; Narón, con 91; Fene, con 90; Ferrol, con 89; Cabanas e Mugardos, con 88; Monfero e Pontedeume, con 87; Vilarmaior, con 86; Ares, con 85; e Mañón, que alcanzará 107 segundos ao situarse moi preto da Mariña lucense, unha das zonas máis favorecidas de Galicia.
No caso de Ferrol, a totalidade comezará ás 20.27.20 horas e prolongarase durante 89 segundos. En Narón iniciaráse ás 20.27.15 horas cunha duración de 91 segundos, mentres que en Fene será ás 20.27.24 horas e estenderase durante 90 segundos.
A diferenza entre municipios será de apenas uns segundos, pero suficiente para que a costa oriental da comarca se sitúe entre os mellores puntos de observación de Galicia. Ademais da duración da totalidade, outro factor favorable será a altura do Sol, que se manterá entre os 11,6 e os 11,9 graos sobre o horizonte no momento culminante do fenómeno.
A eclipse total do 12 de agosto está chamada a converterse nun dos acontecementos astronómicos máis relevantes das últimas décadas e espérase que atraia milleiros de visitantes aos puntos con mellores condicións de observación, especialmente aos municipios costeiros do norte galego.
21 municipios dentro da totalidade · Datos de Eclipseando
| Municipio | Inicio da totalidade | Fin da totalidade | Duración | Sol tapado | Altura do Sol |
|---|---|---|---|---|---|
| Cariño | 20:26:47 | 20:28:33 | 106 s | 100,0 % | 11,8° |
| Mañón | 20:26:52 | 20:28:39 | 107 s | 100,0 % | 11,6° |
| Ortigueira | 20:26:55 | 20:28:39 | 104 s | 100,0 % | 11,7° |
| Cedeira | 20:26:56 | 20:28:36 | 100 s | 100,0 % | 11,8° |
| Cerdido | 20:27:02 | 20:28:42 | 100 s | 100,0 % | 11,7° |
| Valdoviño | 20:27:05 | 20:28:42 | 97 s | 100,0 % | 11,8° |
| Moeche | 20:27:08 | 20:28:46 | 98 s | 100,0 % | 11,7° |
| As Somozas | 20:27:11 | 20:28:50 | 99 s | 100,0 % | 11,7° |
| San Sadurniño | 20:27:13 | 20:28:48 | 95 s | 100,0 % | 11,8° |
| Narón | 20:27:15 | 20:28:46 | 91 s | 100,0 % | 11,9° |
| As Pontes de García Rodríguez | 20:27:17 | 20:28:54 | 97 s | 100,0 % | 11,6° |
| Ferrol | 20:27:20 | 20:28:49 | 89 s | 100,0 % | 11,9° |
| Neda | 20:27:19 | 20:28:51 | 92 s | 100,0 % | 11,8° |
| Mugardos | 20:27:26 | 20:28:54 | 88 s | 100,0 % | 11,9° |
| Cabanas | 20:27:27 | 20:28:55 | 88 s | 100,0 % | 11,8° |
| Ares | 20:27:29 | 20:28:54 | 85 s | 100,0 % | 11,9° |
| Pontedeume | 20:27:31 | 20:28:58 | 87 s | 100,0 % | 11,8° |
| Monfero | 20:27:35 | 20:29:02 | 87 s | 100,0 % | 11,6° |
| Vilarmaior | 20:27:36 | 20:29:02 | 86 s | 100,0 % | 11,7° |
| Fene | 20:27:24 | 20:28:54 | 90 s | 100,0 % | 11,8° |
| A Capela | 20:27:24 | 20:28:55 | 91 s | 100,0 % | 11,7° |