Ferrolterra volve á rúa para reclamar un tren digno e conexións de transporte público do século XXI

FerrolXa
A concentración convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril reuniu este sábado diante da estación de Ferrol a veciñanza, representantes políticos, sindicatos e colectivos sociais, que reclamaron máis frecuencias, mellores horarios e investimentos na conexión con A Coruña e Ribadeo
FERROL manifestacion tren7 nov 2026
Actualizada el 9 noviembre 2026, 07:56 horas
7 Nov 2026

A mellora das conexións ferroviarias e do transporte público volveu centrar as reivindicacións en Ferrol. Veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal participaron este sábado nunha concentración diante da estación de tren da cidade naval, convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril baixo o lema 'Polo dereito ao tren'. A mobilización reclamou un servizo moderno, seguro e adaptado ás necesidades da poboación, así como compromisos concretos das administracións para poñer fin ao que os convocantes consideran décadas de abandono.

A protesta contou coa presenza de representantes de distintas formacións políticas, entre eles o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ademais de membros do PP, PSOE, BNG e Ferrol en Común, representantes sindicais e da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer). Tamén participaron colectivos veciñais e educativos, que aproveitaron a convocatoria para visibilizar os problemas do transporte por estrada.

Entre as principais demandas do Foro figura a modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña, o incremento das frecuencias e a adaptación dos horarios para facilitar os desprazamentos por motivos laborais e educativos. A plataforma reclama tamén completar o baipás de Betanzos, reducir os tempos de viaxe mediante melloras no trazado e avanzar cara a unha dobre vía electrificada ata A Coruña. Para a conexión con Ribadeo, pide un servizo de ancho métrico fiable e seguro, ademais de recuperar a presenza do porto de Ferrol no Corredor Atlántico de mercadorías.

O portavoz do Foro, Fernando Ramos, insistiu en que as reivindicacións deben manterse independentemente do resultado das eleccións xerais do 29 de novembro. A entidade pide que o próximo Goberno non teña que 'comezar de cero' e que as demandas da comarca se traduzan en investimentos, prazos e un calendario de actuacións. Tamén defende un ferrocarril integramente público e seguro.

Durante a concentración lembrouse ademais ás vítimas dos recentes accidentes ferroviarios de Urda, Adamuz e Angrois. Desde o Foro reclamaron investigacións rigorosas e medidas que permitan evitar que se repitan traxedias deste tipo.

As queixas tamén se estenden aos autobuses

A mobilización ampliou o foco ás conexións por estrada. A Plataforma por un Transporte Digno de Ferrolterra e representantes das ANPA denunciaron problemas nas rutas escolares, atrasos e horarios que dificultan os desprazamentos do alumnado. Entre os exemplos expostos figuran as incidencias nos servizos que conectan Narón cos seus centros educativos e as dificultades dos estudantes de Valdoviño para acudir a outros concellos, ao non contar o municipio con instituto.

Os colectivos reclamaron máis rutas, horarios adecuados e a ampliación do servizo ao alumnado de Bacharelato e Formación Profesional. Tamén se escoitaron críticas á situación da estación de autobuses e á prestación do servizo.

O Foro Cidadán polo Ferrocarril tiña previsto organizar unha gran manifestación o 29 de novembro, coincidindo co aniversario da mobilización do ano pasado, pero a convocatoria electoral obrigou a modificar os plans. A entidade non descarta novas protestas se non recibe compromisos concretos das administracións e das formacións políticas.

A mensaxe trasladada este sábado foi que Ferrolterra, Eume e Ortegal non renuncian a contar cun transporte público á altura das necesidades actuais e que a mellora das conexións debe converterse nunha prioridade para os gobernos presentes e futuros.

0.16056180000305