Licitan por 67.500 euros a creación dunha nova zona verde e de lecer na rúa Silva, en Cedeira

FerrolXa
O proxecto permitirá recuperar unha parcela triangular de 73 metros cadrados na zona das Casas Baratas, con árbores, vexetación, bancos e unha cuberta parcial
CEDEIRA rua silva
21 Oct 2026

O Concello sacou a licitación as obras para crear unha nova zona verde e de lecer na rúa Silva, nunha parcela triangular situada na zona das Casas Baratas. A actuación conta cun orzamento de 67.555,12 euros, e permitirá recuperar un espazo actualmente degradado e desaproveitado para convertelo nun lugar de encontro e descanso para a veciñanza de Cedeira.

O expediente de contratación xa está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de novembro, mentres que o prazo de execución previsto para as obras será de tres meses.

O proxecto conta con financiamento do POS+2024 da Deputación da Coruña, que cobre o 52,63 % do custo da actuación.

Bancos, vexetación e unha cuberta para resgardarse da chuvia

A parcela sobre a que se intervirá ten unha superficie de 73 metros cadrados e está situada na bifurcación da rúa Silva, á altura do número 26. O espazo atópase a uns 100 metros do Auditorio Municipal, nunha zona concorrida, e ten como fondo a fachada sen fiestras dun edificio de catro alturas.

A intervención contempla a plantación de árbores e diversa vexetación, ademais da instalación de bancos para crear unha zona de descanso. O mobiliario estará protexido parcialmente por unha estrutura de cuberta que ofrecerá resgardo fronte ao vento e á chuvia.

O proxecto tamén inclúe a habilitación dun aparcadoiro para bicicletas e a renovación das beirarrúas, que contarán cun ancho adecuado para garantir a accesibilidade.

Un mural de Lidia Cao como pano de fondo

A recuperación deste espazo enmárcase nunha actuación máis ampla de mellora da contorna. Como parte deste proceso, o Concello encargoulle á artista Lidia Cao a realización dun mural na fachada que delimita a parcela.

A obra representa unha muller maior lendo un libro, cunha actitude xuvenil, mediante unha composición chea de cor. O mural ocupa o fondo da futura zona de lecer e contribuirá a renovar a imaxe deste recuncho do municipio.

Con esta intervención, o Concello busca transformar unha parcela sen uso nun espazo verde e accesible, dotado de vexetación e mobiliario urbano, que permita á cidadanía dispoñer dun novo lugar para descansar e gozar da contorna.

0.16199207305908