Máis de 173.000 euros para renovar a maquinaria municipal e mellorar o mantemento das pistas e camiños en Cerdido

FerrolXa
A Deputación da Coruña financiará o 77 % da compra dun tractor con rozadoira e unha miniescavadora para o Concello de Cerdido
CERDIDO dipu excavadora
1 Aug 2026

O Concello de Cerdido renovará parte do seu parque móbil coa adquisición dun tractor con rozadoira de brazo lateral e unha máquina escavadora miniretro grazas ao convenio asinado este venres coa Deputación da Coruña. O investimento ascende a 224.455 euros, dos que a institución provincial achegará 173.756 euros, o que supón o 77,41 % do custo total.

O acordo foi asinado no Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cerdido, Alberto Rey.

A incorporación desta nova maquinaria permitirá substituír os equipos actuais do Concello, que contan con máis de trinta anos de antigüidade e presentan un elevado desgaste, ademais de importantes custos de mantemento e reparación. Os novos vehículos tamén ofrecerán mellores condicións de seguridade e ergonomía para o persoal municipal.

O presidente da Deputación destacou que este investimento responde ás necesidades dun municipio rural e con poboación dispersa, no que o mantemento das pistas e camiños resulta fundamental para a vida diaria da veciñanza. Segundo explicou, a nova maquinaria permitirá realizar con maior rapidez e eficacia os traballos de roza, limpeza e conservación da rede viaria, ademais de contribuír á prevención de incendios.

Os equipos utilizaranse para o mantemento das vías de acceso ás vivendas e ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como para facilitar o paso dos servizos de emerxencias e do transporte escolar e sanitario.

O tractor contará cunha potencia homologada de 160 cabalos e incorporará unha rozadoira de brazo lateral cun alcance máximo de 5,40 metros, especialmente deseñada para a limpeza das marxes das estradas. Pola súa banda, a miniescavadora estará equipada con eirugas de goma, dúas liñas hidráulicas independentes e diferentes cazos para executar tarefas de escavación, reparación e mantemento.

Unha vez formalizado o convenio, será o Concello de Cerdido o encargado de tramitar a contratación e adquisición dos novos equipos, que pasarán a formar parte do parque móbil municipal.

0.098473072052002