Máis de 200 atletas de todas as idades tomarán parte na Milla Urbana de Valdoviño

Récord de participación na XII edición da Milla Urbana de Valdoviño. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba esta mañá que na proba, que se disputará este mesmo domingo 18 de outubro, participarán máis de 200 atletas de todas as idades. O edil valoraba moi positivamente a cifra, que duplica a da última edición. As categorías máis numerosas serán de novo a absoluta, con máis dun centenar de deportistas inscritos, e máis os biberóns, con preto de medio centenar de participantes.
A contorna do paseo da praia e lagoa da Frouxeira volverá converterse na pista privilexiada da carreira, con distancias en función da categoría, e saídas escalonadas a partir das 11:00 horas. Onte pechábase a inscrición, sen cota económica, e este domingo, as persoas inscritas poderán retirar o seu dorsal no punto informativo habilitado xunto á caseta de socorrismo, dende as 10:00 horas.
Recibirán medalla todos os nenos e nenas participantes na categoría biberón, e tamén, os e as tres primeiras clasificadas do resto de categorías.