Máis de 236.000 euros para mellorar dez rúas e camiños de Valdoviño

O Concello de Valdoviño volve sacar a contratación as obras de mellora de dez rúas e camiños situados nas parroquias de Lago, Meirás, Sequeiro e Valdoviño. A actuación conta cun investimento de 236.513,97 euros, financiado a través do POS Complementario.
As empresas interesadas poden consultar os pregos na Plataforma de Contratación do Sector Público e presentar as súas ofertas ata o 23 de setembro. Trátase do segundo intento para adxudicar estes traballos, despois de que a primeira licitación quedase deserta no mes de maio.
Desde a Concellería de Infraestruturas Viarias confían en que nesta ocasión o contrato poida saír adiante. O Concello reforzou a difusión da actuación ante a importancia de cumprir cos prazos. Se o procedemento volvese quedar deserto, sería necesario modificar os pregos, remitilos novamente á Deputación e agardar polo seu visto bo antes de iniciar unha nova licitación, o que atrasaría a execución das obras.
Dez puntos de actuación
Os traballos previstos distribúense por diferentes zonas do municipio e inclúen tanto rúas como camiños municipais.
Na rúa Couce Casas intervirase en dous treitos: un entre a rotonda da estrada provincial de baixada á praia da Frouxeira e a igrexa do Carmen, e outro entre o cruce do Carballal e o número 41.
Tamén se actuará na rúa Pintor José Leyra Domínguez, entre o cruce do paseo da lagoa e a rúa Praia Frouxeira, e na rúa Imeldo Corral, nun tramo pendente de intervención entre a rúa Carrilanas e a estrada da Deputación.
O proxecto contempla ademais actuacións en Pazos, desde o cruce coa estrada de Aviño ata a AC-566, e nun vial de Lago, entre o número 7, á altura da AC-116, e o cruce con Viansil.
En A Bedoxa, a intervención irá desde o número 31 ata o límite co municipio de Narón, no camiño das Paxariñas. No Seixidal executaranse dous tramos, ambos con conexión cara ao límite con Narón, desde diferentes puntos da estrada da Deputación.
A actuación complétase con dous tramos en Catrillón, entre a ponte sobre o río San Vicente e a AC-116 e entre Barral 15 e a mesma estrada; un tramo en Montefaro, desde o local social ata o número 73; e dous tramos en Lavacerido, entre o número 4 e o acceso ás antigas minas de arsénico e entre os números 145 e 162.