Máis de 300 persoas saen á rúa en Ferrol para reclamar 'Vivenda pública, vivenda xa'

FerrolXa
A mobilización reuniu á veciñanza, a representantes do BNG de distintos concellos de Ferrolterra, ó Partido Comunista, a Galiza Nova e integrantes da Plataforma Galega Vivenda Xa, que reclamaron medidas contra a especulación e para facilitar o acceso a unha vivenda digna
FERROL manifestacion vivenda 03.10.2026
3 Oct 2026

Máis de 300 persoas participaron este sábado en Ferrol nunha mobilización para reclamar o acceso a unha vivenda digna e denunciar as dificultades que afrontan cada vez máis persoas para poder acceder a un fogar. A protesta reuniu na cidade a representantes de diferentes organizacións políticas e sociais, entre eles cargos e representantes do BNG de concellos de Ferrolterra, como Mon Fernández, de Ferrol, ou Secundino García, de San Sadurniño, así como integrantes do Partido Comunista, Galiza Nova e da propia Plataforma Galega Vivenda Xa.

A protesta enmárcase na xornada de mobilizacións convocada en diferentes puntos de Galicia baixo a defensa do dereito á vivenda. En Ferrol, a convocatoria desenvolveuse na praza Amada García, diante do edificio da Xunta, baixo mensaxes como 'A vivenda é un dereito' e 'Vivenda pública e accesíbel'.

Durante a concentración, as persoas participantes corearon diferentes consignas para poñer o foco no prezo dos alugueiros, a falta de vivenda pública e a situación dos pisos baleiros. Entre elas puidéronse escoitar 'Non á especulación', 'Na Galiza, vivenda digna', 'Onde están, que non se ven, as promesas do PP' ou 'Que pasa, que pasa, que non temos casa'.

Tamén houbo referencias ás vivendas da Sareb e á Xunta, así como á política de vivenda da Administración autonómica. Outra das consignas reclamaba directamente 'Vivenda pública, vivenda xa', mentres que 'E Monte Pío? Rueda non ten frío' puxo o foco no presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

'A vivenda é un dereito para todos'

No manifesto lido durante o acto, a plataforma defendeu que a vivenda debe ser considerada un dereito e cuestionou a situación actual do mercado residencial.

'A vivenda é un dereito para todos. A situación actual é inadmisible, levamos así demasiado tempo', recolle o texto, no que tamén se denuncia que a vivenda se converteu nun ben de mercado e que unha parte importante dos ingresos das familias se destina ao pagamento do alugueiro.

Os convocantes reclamaron ás administracións medidas concretas para facer fronte ao problema e sinalaron especialmente a necesidade de actuar sobre os prezos dos alugueiros, o uso turístico das vivendas e o parque residencial baleiro.

Entre as propostas formuladas figuran a declaración de zonas tensionadas, a limitación dos prezos do alugueiro, a regulación do uso turístico, a creación de prazas de vivenda para estudantes, a mobilización de vivendas pechadas para uso social e o impulso dun banco público de vivenda.

O foco tamén se pon en Ferrol

A situación da cidade ocupou unha parte destacada do manifesto. A plataforma sinalou que Ferrol non é alleo ás dificultades de acceso á vivenda e fixo referencia ao número de inmobles baleiros existentes no municipio.

Segundo os datos manexados polos convocantes, Ferrol conta con arredor de 11.000 vivendas baleiras. A plataforma vinculou esta realidade á dificultade de acceso a unha vivenda por parte de determinados colectivos e puxo tamén o foco nos pisos públicos do barrio de Recimil.

No manifesto denunciouse a existencia de vivendas pechadas en Recimil e noutros puntos da cidade, e reclamouse que os inmobles que forman parte do parque público poidan cumprir unha función social.

Estas reivindicacións coinciden co debate aberto nas últimas semanas en Ferrol arredor do acceso á vivenda. A finais de setembro, outra mobilización na praza de Armas reuniu preto de 400 persoas, que reclamaron máis vivenda pública e medidas ante o incremento dos alugueiros.

Unha mobilización que quere ter continuidade

A plataforma considera a convocatoria deste sábado como un punto de partida para manter a presión social arredor da vivenda. No texto lido ante as persoas participantes, os convocantes chamaron a continuar organizándose e a sumar novos apoios.

'Por iso entendemos a convocatoria de hoxe como un punto de partida e animamos a todos a unirse á loita', sinalaron no manifesto.

A mobilización de Ferrol forma parte dunha xornada máis ampla de protestas convocadas en diferentes cidades galegas. A Plataforma Galega Vivenda Xa chamou a saír á rúa para reclamar políticas públicas orientadas a facilitar o acceso á vivenda e medidas fronte ao encarecemento dos alugueiros.

0.16091299057007