Máis de 500.000 euros en obras e aínda sen data para rematar o Carvalho Calero

FerrolXa
O BNG de Ferrol reclama reparar as butacas do salón de actos e abrir a biblioteca mentres critica os atrasos e o que cualifica de falta de control do Goberno de Rey Varela
FERROL centro Carvalho calero
14 Aug 2026

As obras de reforma do centro cultural Carvalho Calero continúan sen unha data clara para a súa finalización, segundo denuncia o BNG de Ferrol. A formación nacionalista reclama ao Goberno local que resolva varias cuestións pendentes no edificio, entre elas o estado das butacas do salón de actos e a apertura da biblioteca, que permanece pechada.

O concelleiro nacionalista Roberto Montero considera especialmente preocupante que nunha actuación cun investimento superior aos 500.000 euros poidan quedar deficiencias que, ao seu xuízo, afectan tanto ao funcionamento do centro como á súa imaxe.

Entre as demandas do BNG está a reparación ou substitución das butacas do salón de actos, que asegura que presentan un estado deficiente. A formación tamén pide retirar a actual sala de proxección, que non se utiliza, para conseguir unha maior amplitude visual neste espazo.

O BNG pide abrir a biblioteca

A situación da biblioteca é outra das cuestións que os nacionalistas colocan no centro das súas críticas. Montero reclama que o Concello proceda á súa apertura e considera que se trata dun espazo que podería prestar un importante servizo á veciñanza.

Segundo o BNG, a sala conta con luz natural e volveu encherse de libros grazas ás doazóns realizadas polos propios veciños. A formación defende que o espazo podería ser utilizado para a lectura e o estudo, especialmente por parte de nenos e mozos.

O concelleiro critica que o Goberno municipal manteña pechada unha instalación destas características mentres se realizan investimentos noutros ámbitos e reclama unha maior aposta pola actividade cultural e polos equipamentos públicos.

Unhas obras adxudicadas en novembro de 2025

A formación nacionalista tamén pon o foco nos prazos da reforma. Segundo lembra, os traballos foron adxudicados en novembro de 2025 cun prazo de execución previsto de cinco meses, polo que a obra debería ter rematado hai tempo.

Porén, o BNG asegura que o Goberno local foi modificando as previsións sobre a data de finalización das actuacións e denuncia que actualmente non existe unha data concreta para a entrega do centro reformado.

Montero cualifica esta situación de falta de control sobre a execución das obras e considera que non se trata dun caso illado dentro da xestión municipal. Como exemplos, menciona actuacións como o arranxo da rúa Rubalcava, a reforma do Castelo de San Felipe, a instalación do parque de auga da Malata ou a pista polideportiva da Cabana.

Desde o BNG sosteñen que estes retrasos evidencian, ao seu xuízo, un problema máis amplo na xestión das obras municipais e reclaman ao Goberno de Rey Varela que concrete os prazos pendentes e dea solución ás deficiencias detectadas no Carvalho Calero.

0.096206903457642