Máis de 77.000 euros para mellorar o pavillón das Lagoas con novas obras

FerrolXa
A actuación permitirá acabar coas filtracións de auga, ampliar o graderío e mellorar a seguridade dos traballos de mantemento da cuberta
NARON pavillon as lagoas
2 Oct 2026

O pavillón das Lagoas será obxecto de varias actuacións de mellora tras a adxudicación de tres obras por parte do Concello de Narón que suman 77.519,23 euros. Os traballos permitirán actuar sobre a cuberta e a drenaxe exterior, ampliar o graderío superior e instalar sistemas de seguridade para realizar tarefas de mantemento no tellado.

A intervención de maior contía será a reparación da cuberta e da drenaxe exterior, cun investimento de 42.961,03 euros e un prazo de execución estimado de tres meses. O principal obxectivo é poñer fin aos problemas de humidades e filtracións que afectan ao pavillón.

Na actualidade, a auga da chuvia recóllese a través dun canlón interior situado detrás dun peto, unha configuración que favorece a aparición de filtracións. Para corrixir esta situación, os traballos eliminarán tanto o canlón como o peto e instalarán unha nova chapa que permitirá conducir directamente a auga cara ao exterior da fachada.

As obras tamén se estenderán ao lateral oeste do edificio. Nesta zona, o terreo atópase a unha cota superior á do pavillón, o que provoca que a auga se acumule e termine afectando á fachada.

Para solucionar este problema, executarase unha nova drenaxe perimetral destinada a recoller as augas procedentes do terreo e evitar que continúen provocando filtracións no inmoble.

Máis espazo e seguridade no pavillón

A segunda das actuacións adxudicadas corresponde á ampliación do graderío superior, cun orzamento de 24.243,95 euros. Esta intervención permitirá incrementar o espazo dispoñible para o público que acode ás actividades e competicións que se celebran na instalación deportiva.

A terceira obra será a instalación de liñas de vida na cuberta, cun investimento de 10.314,25 euros. Este sistema permitirá que os operarios poidan realizar futuras tarefas de mantemento e reparación no tellado con maiores garantías de seguridade.

A estas tres actuacións súmase tamén a colocación dun novo marcador, para o que se reservaron 4.500 euros.

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou que o conxunto das intervencións permitirá resolver problemas que o pavillón das Lagoas viña arrastrando desde hai tempo e mellorar as condicións dunha instalación utilizada diariamente pola veciñanza.

0.11254405975342