Máis de 80 pilotos participarán na primeira edición do Rallysprint Concello das Somozas

O calendario automobilístico galego incorpora esta fin de semana unha nova cita en Ferrolterra coa celebración do primeiro Rallysprint Concello das Somozas. A competición reunirá máis de 80 pilotos os días 30 e 31 de outubro e será puntuable para o Campionato Galego de Rallysprint 2026.
A proba está organizada pola Escudaría As Somozas coa colaboración do Concello e o apoio da Xunta de Galicia. A presentación oficial tivo lugar o pasado martes no Centro Cívico Sociocultural, nun acto no que participaron o alcalde, Juan Alonso Tembrás, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
A actividade comeza este venres 30 de outubro coas verificacións técnicas e administrativas optativas, previstas entre as 19.00 e as 21.00 horas na rúa Camelias e no Centro Cívico. Os participantes que realicen estas comprobacións poderán deixar os seus vehículos no parque pechado, que permanecerá vixiado durante toda a noite. O parque de traballo, pola contra, non contará con vixilancia nocturna.
A xornada principal será o sábado 31. Entre as 7.00 e as 12.00 horas desenvolveranse as verificacións administrativas, a entrega de documentación, GPS e roadbook, así como os recoñecementos dos treitos, que permitirán aos pilotos realizar tres pasadas. As verificacións técnicas terán lugar entre as 8.15 e as 12.30 horas na rúa Camelias.
A cerimonia de saída está programada para as 13.40 horas no parque pechado da praza do Concello. A saída do primeiro participante está prevista para as 14.00 horas desde o parque de traballo. O itinerario contempla dúas seccións e catro treitos cronometrados, con pasos por distintos puntos do municipio e reagrupamentos na praza do Concello. A chegada do primeiro participante á segunda sección está prevista para as 18.27 horas.
A publicación da clasificación provisional realizarase ás 20.15 horas e a definitiva, ás 20.45 horas, momento no que tamén terá lugar a entrega de premios e trofeos na praza do Concello.
Esta primeira edición busca poñer en valor a tradición automobilística de Ferrolterra e contribuír á dinamización das Somozas coa chegada de participantes, afeccionados e visitantes. A organización anima a veciñanza e aos seguidores do motor de toda Galicia a achegarse ao municipio para seguir a competición.