Máis de vinte camiños municipais de Narón renovan o seu firme cun investimento de case 764.000 euros

A rede viaria municipal de Narón está a ser obxecto dunha importante actuación de mellora coa execución de tres proxectos de repavimentación e reforzo do firme que suman un investimento de 763.956,11 euros. As obras esténdense por diferentes parroquias e teñen como finalidade mellorar o estado de camiños rurais e viais que presentan problemas de desgaste, fisuras ou deformacións.
Os traballos están incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ADICIONAL 2/2024 e contemplan actuacións en máis dunha vintena de camiños municipais.
O primeiro proxecto conta cun orzamento de 226.062,33 euros e permitirá renovar os camiños de Cerdeiras, Capilla da O, Ruxida, Río Seco, Carballal e Lodairo. Trátase de viais rurais que soportan un uso intenso como conexión entre diferentes núcleos de poboación e que, nalgúns casos, proceden de antigas concentracións parcelarias.
As obras inclúen a regularización dos bordos e a colocación dunha nova capa de rodadura mediante mestura bituminosa en quente, buscando tamén conseguir unha maior regularidade nos anchos dos camiños. O prazo previsto para completar esta actuación é de catro meses.
A segunda intervención, cun investimento de 111.227,31 euros, céntrase nos camiños de Ferrerías, Corredoira, rúa San Pedro e rúa de Soria. Nestes puntos detectáronse diferentes danos relacionados coas recentes obras executadas na rede de saneamento, especialmente fisuras e deformacións nos cruzamentos.
Neste caso, os traballos contemplan a regularización dos bordos, o rebacheo xeral e a aplicación dunha nova capa de rodadura. Na rúa de Soria, debido tamén á súa pendente, está previsto fresar e retirar o actual pavimento de adoquín para proceder posteriormente á súa reposición. O prazo de execución estimado é de tres meses.
O proxecto de maior envergadura económica alcanza os 426.666,47 euros e permitirá actuar sobre quince viais distribuídos polas parroquias de Pedroso, Sedes, Castro, O Val, San Xiao, San Mateo e O Couto. Entre os camiños incluídos están Bazón, Borreiros, Borrallada, Redondo e o camiño das Murallas.
Son camiños que contaban inicialmente con pavimentos de triplo rego asfáltico e que foron sometidos a diferentes reparacións ao longo dos anos. Algúns tamén presentan danos nos cruzamentos provocados por recentes actuacións de saneamento.
Neste proxecto está prevista a regularización dos bordos, a execución dos traballos auxiliares necesarios e a extensión dunha nova capa de rodadura. O prazo estimado para completar os traballos é de catro meses.