Máis facilidades para usar o ximnasio municipal con novos horarios e quendas en Valdoviño

FerrolXa
As persoas maiores de 16 anos xa poden solicitar o uso das instalacións do pavillón O Longoiro con opcións de mañá e tarde
VALDOVIÑO ximnasio municipal
24 Sep 2026

O ximnasio municipal de Valdoviño recupera a súa actividade para o novo curso con horarios máis flexibles, unha medida coa que o Concello pretende facilitar que máis veciños e veciñas poidan utilizar as instalacións. O prazo para solicitar o acceso xa está aberto e manterase durante o curso, ata o mes de xuño.

As quendas terán unha duración dunha hora. Polas mañás, o ximnasio estará dispoñible os luns, mércores e venres entre as 10.00 e as 12.00 horas, mentres que pola tarde poderá utilizarse de luns a venres entre as 19.00 e as 22.00 horas.

Ademais, os horarios dos usuarios poderán modificarse sempre que exista dispoñibilidade nos grupos. A Concellería de Deportes sinala que estes cambios poderán acordarse co persoal técnico da área cando as quendas non estean completas.

As tarifas dependen do tempo de utilización semanal. O custo é de 16 euros ao mes para dúas horas semanais e de 24 euros mensuais para tres horas á semana.

As instalacións, situadas no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, foron inauguradas hai aproximadamente un ano e dispoñen de maquinaria básica para a práctica deportiva. O servizo inclúe tamén a posibilidade de recibir asesoramento personalizado.

As persoas que o soliciten poderán contar con táboas de exercicios adaptadas á súa condición física e aos seus obxectivos, coa intención de facilitar unha práctica deportiva axeitada ás necesidades de cada usuario.

O ximnasio está destinado a persoas maiores de 16 anos. No caso dos menores de idade, será necesaria a autorización do pai, nai ou representante legal.

As solicitudes poden realizarse presencialmente no rexistro da Casa do Concello ou mediante a sede electrónica municipal.

0.12493991851807