Mañón, Cariño, Cerdido e Ortigueira comparten unha programación contra a violencia machista

FerrolXa
As actividades do 25N inclúen unha marcha comarcal en Cariño, obradoiros, teatro e unha xornada formativa que se desenvolverán durante a segunda quincena de novembro e os primeiros días de decembro
CERDIDO de faro a faro
15 Nov 2026

A comarca de Ortegal prepárase para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación conxunta que chegará a Mañón, Cariño, Cerdido e Ortigueira. A iniciativa 'De faro a faro contra as violencias machistas' reúne propostas de sensibilización, formación e participación cidadá, con especial atención á prevención das violencias machistas e á implicación de toda a sociedade.

Un dos actos centrais terá lugar o mércores 25 de novembro cunha marcha comarcal contra as violencias machistas en Cariño. A convocatoria desenvolverase entre as 11:30 e as 13:30 horas, con saída desde o CEIP Manuel Fraga Iribarne. A organización habilitará autobuses lanzadeira ata o cabo Ortegal para facilitar a participación.

Ao día seguinte, o 26 de novembro, Mañón acollerá a lectura do manifesto institucional e o reparto de materiais das campañas 'De faro a faro' e 'De fronte' Será ás 12:00 horas na Casa do Concello, no Barqueiro.

A programación continuará esa mesma tarde, ás 19:00 horas, coa representación teatral 'Golpes', a cargo de Estíbaliz Veiga. A función, incluída no ciclo da Xunta de Galicia, terá lugar no Centro Sociocomunitario do Barqueiro-Mañón, con entrada libre e de balde.

Outra das propostas será a xornada formativa 'Unha luz no mar das violencias: contornas dixitais, masculinidades e acompañamento consciente', que se celebrará o 27 de novembro, a partir das 9:30 horas, no Auditorio municipal de Cariño. Para participar é necesario inscribirse a través do correo xornadasdefaroafaro@gmail.com.

Ademais, a Biblioteca Municipal do Barqueiro acollerá os días 25 de novembro e 2 de decembro, ás 16:30 horas, novas sesións do obradoiro para mulleres 'Cartografías do medo contra as violencias machistas', impartido por Tania Merelas. A actividade conta con servizo de canguraxe e require inscrición previa.

A programación está impulsada polo Concello de Mañón e conta con actividades en colaboración con outras administracións e entidades. Para consultar información e inscricións, as persoas interesadas poden escribir a igualdade@manon.es ou chamar ao 681 14 70 29.

0.1135950088501