Mantense a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra e é laranxa no noroeste da Coruña e montaña de Ourense

Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta informa que para hoxe o sistema de alerta por episodio de calor será nas seguintes zonas isoclimáticas:
Nivel 3, vermello: interior de Pontevedra.
Nivel 2, laranxa: noroeste da Coruña e montaña de Ourense.
Nivel 1, amarelo: montaña de Lugo e Valdeorras.
Durante este venres continuará a influencia anticiclónica sobre Galicia. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ou moderado ascenso, mentres que as máximas subirán lixeiramente no interior e descenderán na metade norte. Os ventos soprarán frouxos do norte-nordés en xeral, con intervalos moderados no litoral norte.
Agárdanse temperaturas máximas moi altas no interior e no sur da comunidade, con valores que poderán acadar entre os 36 e os 39 ºC.
No que atinxe á práctica deportiva, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva do programa Xogade no exterior entre ás 12,00 e as 20,00 horas deste venres na zona afectada pola alerta vermella, isto é, no interior da provincia de Pontevedra, e tamén nas zonas afectadas pola alerta laranxa, é dicir, no noroeste da Coruña e na zona de montaña de Ourense.
A actividade federada non se suspende nas zonas nas que están activas as alertas vermella e laranxa, pero recoméndase á organización das probas que adapte os horarios da práctica deportiva ás condicións específicas de cada zona, evitando, na medida do posible, as horas de maior calor e adoptando as medidas preventivas necesarias para minimizar o impacto das altas temperaturas. A organización tamén deberá garantir a protección dos deportistas e do público que asiste ás probas.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.
Noroeste da Coruña: Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior.
Montaña de Lugo: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela.
Valdeorras: O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.
Montaña de Ourense: O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.
Interior de Pontevedra: Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.