Memoria, tecnoloxía e música protagonizan o novo curso de 'Envellecendo en Ares'

FerrolXa
O programa para maiores de 60 anos ofrecerá catro obradoiros e abrirá as inscricións do 8 ao 25 de setembro
maiores-dependentes-saf
7 Sep 2026

O programa municipal 'Envellecendo en Ares' regresará no curso 2026/2027 cunha nova programación pensada para fomentar o envellecemento activo, a aprendizaxe e a relación entre as persoas maiores do municipio.

A proposta, impulsada pola Concellaría de Igualdade e Benestar, está dirixida a persoas de 60 anos ou máis empadroadas en Ares e contará nesta edición con catro obradoiros centrados na memoria, a lectoescritura, o uso dos teléfonos móbiles e a música.

O obradoiro de memoria ofrecerá tres grupos en Ares os luns, con horarios de 12.00 a 13.00 horas, de 16.30 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.30 horas, na Alianza Aresana. En Cervás haberá outro grupo os martes, de 16.30 a 18.00 horas, na Ganadera de Cervás. Ademais, abrirase unha lista de persoas interesadas en Redes para valorar a creación dun novo grupo.

A programación incluirá tamén un obradoiro de lectoescritura, que se desenvolverá os martes de 10.30 a 12.00 horas no Centro de Servizos Sociais. As sesións estarán orientadas a traballar a lectura e a escritura como ferramentas para expresar ideas, pensamentos e emocións.

Outra das propostas será o obradoiro de smartphones, pensado para facilitar o uso dos teléfonos móbiles e das aplicacións máis habituais. Haberá tres grupos na Casa da Xuventude, os luns de 10.15 a 11.45 horas e os mércores de 10.15 a 11.45 horas e de 12.00 a 13.30 horas.

A música terá o seu propio espazo coa actividade 'A música que nos move', que combinará canto e baile e empregará as melodías, as lembranzas e as emocións como fío condutor. Haberá dous grupos os xoves, de 16.30 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.30 horas, no Anexo de Cultura.

O programa busca ofrecer ás persoas participantes espazos para aprender, compartir experiencias e manterse activas, ao tempo que favorece a socialización e a creación de novas relacións.

Inscricións a partir deste martes

As inscricións estarán abertas do 8 ao 25 de setembro e deberán realizarse presencialmente no Departamento de Servizos Sociais de Ares, situado na Praza da Constitución, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar a capacidade dispoñible. Para resolver dúbidas ou obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 448 354.

0.095839977264404