Moeche convoca as persoas maiores a unha xornada para mellorar os servizos e a vida no municipio

FerrolXa
O encontro celebrarase o luns 9 de novembro no local social de Abade e servirá para recoller propostas de cara á candidatura de Moeche como concello amigable coas persoas maiores
MOECHE xornada persoas maiores
6 Nov 2026

O Concello de Moeche quere contar coa experiencia e as opinións das persoas maiores para avanzar cara a un municipio máis adaptado ás súas necesidades. Con este obxectivo, organizará o vindeiro luns 9 de novembro unha xornada participativa baixo o lema 'Escoitando ás persoas maiores', na que a veciñanza poderá compartir as súas propostas sobre os servizos e as condicións de vida no municipio.

A iniciativa enmárcase nos traballos que está a desenvolver o Concello para preparar a súa candidatura como concello amigable coas persoas maiores. O goberno local busca que este proceso se constrúa coa participación directa dos seus protagonistas, tendo en conta a súa experiencia e o coñecemento que teñen do territorio.

Durante o encontro abordaranse cuestións relacionadas cos espazos públicos, o transporte, a saúde e os coidados, a vivenda, o lecer e a compañía, así como o acceso á información e aos trámites administrativos. Trátase de identificar necesidades e posibles melloras en ámbitos que inflúen no día a día das persoas maiores.

Un encontro aberto á participación

A xornada desenvolverase entre as 16.30 e as 18.00 horas no local social de Abade. A convocatoria está aberta a todas as persoas maiores do municipio, que tamén poderán acudir acompañadas de familiares, amizades ou outras persoas da veciñanza.

O encontro rematará cunha merenda para favorecer un espazo de conversa e intercambio de experiencias nun ambiente próximo e distendido.

Desde o Concello animan á participación para que as achegas das persoas maiores contribúan a definir as medidas e os servizos que precisa Moeche para converterse nun municipio máis accesible, inclusivo e adaptado a todas as idades.

0.27218699455261