Moeche destina case 195.000 euros do POS+ á compra de dous vehículos e ao gasto corrente municipal

O Concello de Moeche destinará 194.279,40 euros correspondentes á segunda fase do POS+ Complementario 2026 da Deputación da Coruña á adquisición de dous vehículos e á cobertura de diferentes gastos correntes municipais. A proposta do Goberno local foi aprobada polo Pleno nunha sesión extraordinaria celebrada este pasado xoves 17.
Do importe total, 65.000 euros serán empregados na compra de dous vehículos para o Departamento de Servizos e Obras. Trátase dun vehículo con caixa de carga basculante e dunha furgoneta, que permitirán reforzar os traballos de roza e limpeza, o transporte de materiais e outras tarefas relacionadas cos servizos municipais.
Unha vez completados os trámites de aprobación e exposición pública por parte da Deputación da Coruña, o Concello poderá iniciar o procedemento de licitación para adquirir os vehículos.
Os 129.279,40 euros restantes destinaranse a sufragar gasto corrente municipal. Nesta partida inclúense diferentes custos vinculados ao funcionamento diario dos servizos públicos, como o combustible, o consumo eléctrico do alumeado público e dos edificios municipais, o mantemento de maquinaria e vehículos, a conservación dos accesos aos núcleos, a rede de saneamento, a limpeza de edificios municipais e do centro escolar ou o mantemento da rede de abastecemento de auga e as correspondentes análises.
Máis de 275.000 euros para Moeche
A contía global asignada a Moeche no POS+ Complementario 2026 da Deputación da Coruña alcanza os 275.847,99 euros. Ademais das actuacións incluídas nesta segunda fase, o financiamento contempla dous proxectos de investimento que foran presentados inicialmente e estaban pendentes da confirmación dos fondos tras a incorporación de remanentes na Deputación.
Un deles é a nova rede de abastecemento de auga no lugar da Corveira, en San Xoán, unha actuación destinada a ampliar e mellorar a infraestrutura municipal de subministración.
O segundo proxecto corresponde á reforma da instalación de iluminación exterior do campo municipal de fútbol, que permitirá renovar o sistema actual e avanzar cara a un maior aforro enerxético.
Estas dúas actuacións, cuxo financiamento foi confirmado durante o verán dentro da primeira fase do POS+ Adicional 2026, serán licitadas proximamente.