Moeche licita por 27.800 euros a compra de maquinaria para labores municipais e forestais

A renovación dos medios municipais para os traballos de mantemento e conservación contará cun novo investimento de 27.800 euros. O Concello de Moeche abriu o prazo de licitación para adquirir unha trituradora forestal, un cortacéspede de xiro cero e un remolque destinado aos vehículos municipais.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 20 de outubro ás 23:59 horas a través da Plataforma de Contratos do Sector Público. A subministración deberá cumprir as características recollidas na memoria técnica que acompaña o expediente.
Entre o equipamento previsto figura unha trituradora forestal que deberá ser compatible cos tractores municipais e permitir o seu acoplamento a estes vehículos. O Concello incorporará tamén un cortacéspede de xiro cero cun ancho de corte superior aos 125 centímetros, así como un remolque de 270 por 160 centímetros para os vehículos municipais.
A adquisición forma parte dun dos proxectos presentados polo Goberno local aos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña, a través do POS+2026. Unha vez aprobado o proxecto polo ente provincial e completado o correspondente período de exposición pública, o Concello iniciou agora o procedemento de contratación.
A nova maquinaria permitirá ampliar e renovar os medios dos que dispón o Concello para afrontar diferentes labores municipais, especialmente os relacionados co mantemento de espazos e vías e cos traballos de carácter forestal.
O prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o 20 de outubro e toda a documentación deberá tramitarse a través da Plataforma de Contratos do Sector Público.