Moeche licita por 37.757 euros a renovación da iluminación do campo de fútbol de Casabranca

FerrolXa
O proxecto contempla a instalación de 16 novos proxectores LED nas catro torres do recinto, cun aforro da potencia instalada superior ao 40%
MOECHE campo futbol
19 Nov 2026

O Concello de Moeche licita as obras de renovación da iluminación do campo municipal de fútbol de Casabranca, cun orzamento de 37.757,82 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratos do Sector Público ata o próximo 3 de decembro ás 23.59 horas.

A actuación busca reducir o consumo eléctrico dunha das instalacións municipais con maior gasto enerxético e, ao mesmo tempo, mellorar as condicións lumínicas do recinto deportivo para permitir o seu uso en horario no que a luz natural non sexa suficiente.

O campo de fútbol conta actualmente cun sistema de iluminación formado por 16 proxectores de haloxenuros metálicos de 1.500 vatios cada un, distribuídos en catro torres de 19 metros de altura, con catro luminarias en cada estrutura. Este equipamento supón un elevado consumo eléctrico, polo que o Goberno municipal decidiu incluír a súa renovación entre os investimentos financiados a través do Plan Adicional 2 de 2026 da Deputación da Coruña.

O proxecto contempla a instalación de outros 16 proxectores, tamén distribuídos nas catro torres, que permitirán garantir os niveis de iluminación necesarios para a práctica deportiva. Tras a reforma, a potencia instalada será de 16.800 vatios, o que supón un aforro superior ao 40% respecto ao sistema actual.

A licitación tramítase mediante procedemento aberto simplificado e establece un prazo de execución de dous meses desde a sinatura do contrato. O investimento está financiado con cargo ao Plan Adicional 2026 do Plan Único da Deputación da Coruña.

A renovación da iluminación do campo de fútbol enmárcase nas actuacións que está a desenvolver o Concello de Moeche para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais, reducir o gasto eléctrico e avanzar cara a equipamentos máis sostibles.

0.14786601066589