Moeche licita por máis de 113.000 euros a renovación da piscina municipal

O Concello de Moeche vén de sacar a licitación as obras de acondicionamento e mellora da piscina municipal por un importe de 113.178,50 euros. A actuación permitirá renovar diferentes elementos das instalacións, solucionar os problemas que presenta actualmente o pavimento e mellorar a accesibilidade dos servizos.
As empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar as súas propostas a través da Plataforma de Contratos do Sector Público ata o vindeiro 3 de decembro, ás 23.59 horas.
O financiamento realizarase mediante un convenio coa Deputación da Coruña, que asumirá o 80% do investimento, cunha achega de 90.542,80 euros. Pola súa banda, o Concello de Moeche sufragará o 20% restante, equivalente a 22.635,70 euros.
Tres actuacións para renovar as instalacións
O proxecto contempla tres intervencións principais. A primeira céntrase na impermeabilización do vaso da piscina, así como do paseo lateral ata a canaleta perimetral de rebose. Esta actuación responde ao deterioro que comeza a presentar o revestimento de gresite, con varias teselas soltas.
Para solucionar este problema aplicarase unha nova impermeabilización sobre a xa existente, sen necesidade de retirar o revestimento actual.
A segunda intervención afectará ao pavimento peonil que rodea a piscina municipal. As obras incluirán a demolición do firme actual, que presenta distintas zonas afundidas, e a súa posterior substitución por outro de características similares.
Un novo aseo adaptado
A terceira liña de traballo desenvolverase na caseta situada no lateral oeste das instalacións, que será restaurada para acoller un aseo completamente adaptado.
Os traballos comezarán co baleirado do interior, incluídos os actuais solos de madeira, mantendo unicamente os cerramentos laterais e a cuberta para proceder á súa recuperación.
No interior habilitarase un espazo accesible que contará cun inodoro con barras abatibles a ambos os lados, unha ducha con billas monomando e barras fixas de apoio, ademais dun lavabo e un espello de parede.
Con esta intervención, Moeche busca mellorar o estado xeral da piscina municipal e dotala de servizos máis accesibles para as persoas usuarias.