Moeche pechará a súa programación do 25N cunha función de Isabel Risco o 5 de decembro

O Concello de Moeche prolongará a súa programación arredor do 25N ata o vindeiro sábado 5 de decembro cunha proposta teatral aberta a toda a veciñanza. A actriz Isabel Risco levará ao local Francisco Piñeiro de Abade o espectáculo 'As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante', unha comedia que combina humor e retranca para reivindicar a cultura galega, a lingua e a igualdade. A representación comezará ás 19:00 horas e a entrada será gratuíta.
A obra recupera a coñecida personaxe de Nabiza Girl, a superheroína do rural galego, que nesta ocasión deberá enfrontarse á desaparición progresiva da cultura propia. Para facelo contará coa axuda do seu escudeiro Don Galizo, interpretado por Alberte Bello, que lle porá diferentes atrancos ao longo dunha aventura marcada polo humor.
A actuación forma parte do circuíto de igualdade da Deputación da Coruña, ao que se suma Moeche dentro da campaña 'De Fronte', impulsada con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A campaña pon o foco na prostitución e a explotación sexual
A edición 2026-2027 de 'De Fronte' céntrase na prostitución e na explotación sexual. A campaña propón cambiar o enfoque habitual e dirixir a atención cara aos homes que pagan por sexo, a normalización da demanda e os mecanismos que converten os corpos das mulleres en mercadoría.
A iniciativa tamén busca visibilizar que a explotación sexual está máis preto da vida cotiá do que pode parecer e promover unha educación afectivo-sexual baseada no respecto, a reciprocidade e a liberdade.
Con esta última actividade, Moeche mantén a programación municipal arredor do 25N, que este ano combinou propostas culturais e educativas coa participación da comunidade escolar e a adhesión á declaración institucional da Federación Galega de Municipios e Provincias.