Monfero adxudica por máis de 315.000 euros obras de aglomerado e mellora de pluviais en varias estradas

O Concello de Monfero adxudicou un paquete de obras de mellora viaria por un importe de 315.513,55 euros. As actuacións inclúen traballos de aglomerado e renovación das redes de recollida de augas pluviais en distintos puntos do municipio.
A adxudicación chega tras a correspondente licitación pública do Plan Adicional de Obras e Servizos de 2025, unha vez examinadas e aprobadas as ofertas presentadas.
En concreto, os traballos de aglomerado desenvolveranse na pista que vai do Cal do Vilar á Ermida, no Alto de Xestoso; no tramo entre Carballiño e Casal da Bouza, no Val de Xestoso; no acceso a Vales e no camiño do Casal, tamén nesta parroquia; no camiño de Goente, en Vilachá, e no acceso ao Gandarón, en Queixeiro.
O proxecto inclúe ademais dúas intervencións para mellorar a evacuación das augas pluviais: unha na Cabana e outra en Vilafaíl, ambas na parroquia de Queixeiro.
Con este investimento, o Concello busca mellorar o estado de diferentes vías municipais e solucionar problemas relacionados coa recollida das augas da chuvia nestes puntos do territorio.