Monfero convida a gozar da bicicleta en familia cun percorrido polos camiños forestais

FerrolXa
A actividade celebrarase o domingo 20 de setembro con saída desde Rebordelo e incluirá transporte para as bicicletas e un autobús para os participantes
A CORUÑA bicicleta
12 Sep 2026

O Concello de Monfero prepara para o domingo 20 de setembro unha xornada sobre dúas rodas pensada para compartir en familia e gozar da contorna natural do municipio. A actividade, bautizada como 'Día da Bicicleta en familia', forma parte da programación de actividades de ocio e físico-deportivas ao aire libre de 2026.

A ruta terá como punto de saída Rebordelo, ás 9.30 horas, e percorrerá diferentes camiños forestais ata chegar a San Bartolomé. A organización establece como obrigatorio o uso do casco durante todo o percorrido.

A proposta está pensada para combinar actividade física e natureza, ofrecendo aos participantes a oportunidade de percorrer en bicicleta parte da contorna de Monfero nunha xornada aberta á participación familiar.

Ademais, o Concello habilitará un autobús para trasladar os participantes e un remolque específico para transportar as bicicletas, tanto desde o punto de saída como ao remate da ruta. Deste xeito, facilítase a participación das persoas que necesiten apoio para os desprazamentos.

Inscricións abertas

As persoas interesadas en participar deberán realizar a inscrición previamente. O Concello establece que as solicitudes deben formalizarse ata catro días antes da actividade, a través do teléfono 981 79 38 85.

O 'Día da Bicicleta en familia' será a primeira das tres propostas incluídas na programación de actividades ao aire libre de Monfero para as próximas semanas. A iniciativa continuará o 30 de setembro cunha saída á Feira do Carballiño e relaxamento nas Termas de Outariz e, posteriormente, o 4 de outubro cunha andaina polos Camiños do Sanguiñedo.

0.11161708831787