Mugardos abre o 1 de decembro as inscricións para a súa XXI Carreira de Fin de Ano

FerrolXa
A proba celebrarase o 27 de decembro cun percorrido de 10,5 quilómetros entre Mugardos e Ares e contará cun máximo de 500 dorsais
MUGARDOS carreira fin de ano
28 Nov 2026

O Concello de Mugardos abrirá o vindeiro martes, 1 de decembro, o prazo de inscrición para participar na XXI Carreira de Fin de Ano, unha das citas deportivas habituais do calendario atlético da comarca. A proba disputarase o domingo 27 de decembro a partir das 11:00 horas, cun percorrido de 10,5 quilómetros que unirá os municipios de Mugardos e Ares.

As persoas interesadas poderán anotarse ata o 21 de decembro ou ata que se esgoten os 500 dorsais dispoñibles. O rexistro deberá realizarse de xeito telemático a través da páxina web. A cota de participación é de cinco euros e será necesario ter cumpridos os 16 anos.

A concentración dos corredores está prevista para as 10:50 horas na rúa Pedreira Cañota, fronte ao campo de fútbol municipal da Pedreira, onde tamén estarán situadas a saída e a meta. O circuíto combinará treitos urbanos e interurbanos. Tras percorrer distintas rúas de Mugardos, o pelotón dirixirase cara a Ares pola estrada AC-130 e as avenidas de Mugardos, Saavedra Meneses, Redes e Federico García Expósito. O regreso realizarase pola mesma estrada e continuará por varias rúas mugardesas ata chegar de novo á liña de meta.

A competición estará supervisada polo Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e contará con cronometraxe electrónica mediante chip. Establecerase unha clasificación xeral única por tempos e un límite máximo de 80 minutos para completar o percorrido.

Recollida de dorsais

A organización estableceu catro xornadas para retirar os dorsais, cuxa recollida servirá como confirmación oficial de asistencia. Os días 23 de decembro, de 8:00 a 13:30 e de 16:00 a 22:00 horas; 24 de decembro, de 9:00 a 13:00 horas; e 26 de decembro, tamén de 9:00 a 13:00 horas, poderán recollerse no Complexo Acuático do Castro. O propio día da carreira, o 27 de decembro, entregaranse no campo de fútbol municipal da Pedreira entre as 9:00 e as 10:30 horas. Os clubs federados terán a posibilidade de realizar unha recollida conxunta.

Os participantes disporán de seguro de responsabilidade civil e de accidentes deportivos tramitado a través da Federación Galega de Atletismo, ademais de servizo médico e ambulancia na meta. Tamén haberá un dispositivo de control do tráfico coordinado pola Policía Local e Protección Civil, así como avituallamento líquido e sólido ao rematar a proba.

 

0.11981701850891