Música, teatro e un manifesto para reivindicar en Cedeira o rexeitamento á violencia machista

FerrolXa
O Auditorio Municipal acollerá este sábado ás 18.30 horas a lectura dun manifesto, unha performance de Simone Jenkinson e unha actuación musical da pianista Clara Bellas
CEDEIRA 25n 26'
24 Nov 2026

A loita contra a violencia machista volverá ocupar un espazo central na programación cultural de Cedeira este sábado, 28 de novembro, cun acto institucional no Auditorio Municipal. A convocatoria, prevista para as 18.30 horas, combinará a lectura dun manifesto, unha proposta escénica e música para lembrar as vítimas e expresar o rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres.

O manifesto institucional será lido por representantes da Asociación O Beco, integrada por nais e pais do alumnado do IES Punta Candieira. O texto recollerá a condena da violencia machista e lembrará tamén os fillos e fillas das vítimas, ademais de poñer o foco nas formas de violencia que afectan especialmente á mocidade.

Entre os asuntos que se abordarán figuran as violencias dixitais e sexuais, así como a necesidade de combater os discursos que minimizan ou cuestionan a dimensión deste problema.

Tras a lectura, a artista escénica Simone Jenkinson presentará a performance 'O Camiño', unha intervención artística que dará paso á actuación musical de Clara Bellas. A pianista, natural de Cedeira, será a encargada de pechar o encontro.

A través desta convocatoria, o Concello quere dar visibilidade á loita contra a violencia machista e sumar a cultura e a participación cidadá á conmemoración do 25N.

0.14216995239258