Narón abre o luns a inscrición nun obradoiro creativo dirixido á mocidade de 12 a 15 anos

FerrolXa
A actividade 'Narón desterrado' celebrarase os días 19, 22, 23 e 24 de decembro na Casa da Mocidade, con 20 prazas gratuítas distribuídas en dous grupos
NARON obradoiro pasado
29 Nov 2026

O Concello de Narón abrirá o vindeiro luns, 30 de novembro, o prazo de inscrición para participar en 'Narón desterrado', un obradoiro creativo dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 15 anos. A iniciativa, impulsada desde a área de Mocidade, que dirixe Ibán Santalla, propón achegar as persoas participantes ao patrimonio e á investigación a través de ferramentas dixitais e actividades prácticas.

O programa desenvolverase os días 19, 22, 23 e 24 de decembro nas instalacións da Casa da Mocidade. Habilitaranse dous grupos, cun máximo de dez participantes cada un. As sesións terán unha duración de dúas horas e organizaranse en dúas quendas: de 10:00 a 12:00 e de 12:00 a 14:00 horas.

Durante o obradoiro, a mocidade poderá investigar sobre o pasado e crear elementos en tres dimensións, ademais de traballar en equipo e desenvolver a súa creatividade. Os contidos abranguerán patrimonio e investigación, alfabetización dixital e intelixencia artificial, deseño tridimensional, fabricación dixital, realidade aumentada, edición e competencias transversais.

A inscrición será de balde e terán preferencia as persoas empadroadas en Narón. As solicitudes poderán presentarse desde o luns a través da sede electrónica do Concello, do rexistro municipal ou de calquera dos lugares e rexistros habilitados conforme á Lei 39/2015 do procedemento administrativo común.

O prazo permanecerá aberto ata completar as 20 prazas dispoñibles, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición.

0.11686611175537