Narón abre o luns as inscricións do campamento de Nadal para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos

FerrolXa
O Concello pon a disposición medio cento de prazas gratuítas para conciliar durante as vacacións escolares, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro
Concilia Nadal Narón
7 Nov 2026

O Concello de Narón poñerá en marcha o vindeiro luns, día 9, o prazo para solicitar praza no campamento de Nadal que organiza dentro do programa ‘Concilia Escola Narón’. Nesta edición, baixo o lema ‘A fábrica secreta da trasnada inventora’, ofértanse cincuenta prazas dirixidas a menores nados entre 2014 e 2023 que estean empadroados ou escolarizados no municipio e cuxos país e nais estean a traballar nesas datas.

A actividade desenvolverase entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro nas instalacións do CRA de Domirón, situado no Alto do Castiñeiro, con excepción dos días festivos do calendario. O horario xeral será de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, aínda que as familias que o precisen poderán optar por unha franxa ampliada de conciliación, de 07.30 a 15.00 horas.

Durante estas semanas, os nenos e nenas participarán nunha variedade de propostas lúdicas e educativas: xogos populares e deportivos, obradoiros de manualidades, dinámicas de animación e saídas, entre outras actividades. Un dos eixes do programa será o fomento da conciencia ecolóxica, a través de experiencias relacionadas coa reciclaxe e o coidado da contorna natural.

A edil de Benestar Social, María Lorenzo, destacou o carácter gratuíto da iniciativa e o seu dobre obxectivo: facilitar a conciliación familiar nun período que coincide coas vacacións escolares e, ao mesmo tempo, ofrecer aos menores un espazo que combine aprendizaxe e diversión. “Trátase dunha proposta de balde, pensada para que as familias poidan conciliar mellor nesas datas coincidindo coas vacacións escolares, e nas que se aproveita a ocasión para ofrecer un espazo educativo e, ao mesmo tempo lúdico, para as nenas e nenos”, sinalou.

As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes dende o luns, día 9, a partir das 08.30 horas, e ata o vindeiro 16 de novembro, ás 13.30 horas. A tramitación poderá realizarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da sede electrónica municipal ou por calquera das vías previstas na normativa de procedemento administrativo. A adxudicación das prazas realizarase mediante un proceso de baremación, conforme aos criterios recollidos nas bases da convocatoria.

Para ampliar información, o Concello recomenda consultar a sede electrónica municipal ou contactar co Servizo Sociocomunitario a través do teléfono 981 337 700, extensións 1108 e 1125.

0.16642498970032