Narón abrirá o martes a inscrición na campaña de Nadal do comercio local, con sorteos de premios e un concurso de decoración

FerrolXa
A iniciativa desenvolverase do 1 ao 24 de decembro e inclúe tamén a promoción de menús especiais e propostas gastronómicas dos establecementos hostaleiros
NARON campaña nadal
23 Nov 2026

O Concello de Narón abrirá o próximo martes, 24 de novembro, o prazo de inscrición na Campaña de Nadal do comercio local, que se desenvolverá do 1 ao 24 de decembro e contará con tres iniciativas para dinamizar o comercio e a hostalería da cidade durante estas datas.

A campaña incluirá un sorteo entre as persoas que realicen compras nos pequenos comercios participantes. Por cada compra que alcance o importe mínimo establecido, a clientela recibirá unha papeleta que deberá cubrir para participar no sorteo de catro cestas de Nadal con produtos 100% galegos e tres vales de compra por importe de 1.000, 600 e 400 euros. Os vales deberán utilizarse nun mínimo de tres establecementos adheridos á campaña. A participación dos comercios será voluntaria e gratuíta.

Outra das propostas será un concurso de decoración exterior dos establecementos comerciais, co obxectivo de contribuír á ambientación navideña da cidade. Os negocios interesados poderán inscribirse desde o martes 24 de novembro ata o 9 de decembro. Para participar deberán decorar os seus espazos exteriores e enviar fotografías da proposta ao correo nadalcomercionaron@gmail.com, indicando o nome do comercio, a persoa de contacto e un teléfono.

A terceira iniciativa, denominada ‘Datas saborosas de Narón’, estará centrada na promoción da oferta gastronómica local. O Concello recompilará información dos establecementos hostaleiros que ofrezan menús especiais de Nadal, ceas destas datas ou propostas de comida para levar, co fin de elaborar unha listaxe conxunta que se difundirá a través das redes sociais municipais e da Asociación de Comerciantes de Narón. O prazo para enviar estas propostas rematará o 4 de decembro.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que a campaña busca 'fomentar o consumo no pequeno comercio e na hostalería local coincidindo coa tempada de Nadal', así como dar a coñecer a variedade de establecementos e a calidade da súa oferta. Ferreiro tamén incidiu na importancia de premiar a ambientación navideña dos negocios para contribuír, xunto coa decoración instalada polo Concello, a dinamizar a cidade.

0.15969204902649