Narón activa as axudas de Nadal para familias con menores en situación de vulnerabilidade

FerrolXa
As familias poderán solicitar vales de 60 euros por menor para mercar agasallos e terán de prazo ata o 19 de outubro
NARON casa do concello
26 Sep 2026

O Concello de Narón abrirá este luns, 28 de setembro, o prazo para solicitar as axudas destinadas á adquisición de agasallos de Nadal de 2026. A convocatoria, xestionada a través do Servizo Sociocomunitario, está dirixida a familias do municipio en situación de vulnerabilidade con menores ao seu cargo.

As persoas solicitantes deberán estar empadroadas en Narón cunha antigüidade mínima de seis meses, tomando como referencia o último día do prazo de presentación. Ademais, deberán ter ao seu cargo fillos ou fillas que teñan entre 0 e 16 anos a 31 de decembro de 2026.

Outro dos requisitos está relacionado cos ingresos da unidade de convivencia, que non poderá superar os límites establecidos en función do número de integrantes e tomando como referencia o IPREM anual vixente.

A axuda terá unha contía de 60 euros por cada menor beneficiario e entregarase mediante un vale. Este poderá utilizarse nun único establecemento comercial do termo municipal de Narón que admita este medio de pagamento.

Os vales permitirán adquirir xoguetes, libros, roupa, calzado, artigos deportivos, material didáctico, instrumentos musicais e material informático. Pola contra, non poderán empregarse para mercar produtos alimenticios, de limpeza ou de hixiene.

A entrega dos vales realizarase a partir do primeiro día hábil de 2027 e cada un deles terá a data de caducidade que figure no propio documento.

O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, desde o 28 de setembro ata o 19 de outubro, ambos os dous días incluídos. As peticións poderán tramitarse a través da sede electrónica do Concello de Narón, no Rexistro Xeral municipal mediante o modelo oficial ou por calquera dos medios previstos na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación necesaria para acreditar o cumprimento dos requisitos. Entre outros documentos, solicitarase o DNI das persoas maiores de idade da unidade de convivencia, o libro de familia ou os certificados de nacemento, a declaración da renda ou documentación equivalente e un resumo dos movementos bancarios correspondentes aos últimos seis meses.

As persoas que perciban a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital (IMV) estarán exoneradas de parte desta documentación, sempre que acrediten esta condición no momento de presentar a solicitude.

A convocatoria conta cunha dotación máxima de 15.000 euros, con cargo ao orzamento municipal do exercicio 2027. A tramitación e resolución dos expedientes corresponderá ao Servizo Sociocomunitario Municipal e á Comisión de Valoración, mentres que a concesión definitiva estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

0.076700925827026