Narón conmemora o Día Internacional das Persoas Maiores con 967 inscritas no programa de envellecemento activo

FerrolXa
O Concello organiza cada ano un amplo abano de actividades destinadas a mellorar a súa calidade de vida e combater o idadismo
NARON conmemora maiores santiago apostol
1 Oct 2026

Narón conmemora este 1 de outubro o Día Internacional das Persoas Maiores con 967 persoas matriculadas nos diferentes talleres do programa municipal de Envellecemento activo e Comunitario ou Interxeracional. O Concello organiza cada ano un amplo abano de actividades nos centros comunitarios e nos locais sociais municipais co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas maiores, promover a súa participación e combater o idadismo.

O Día Internacional das Persoas Maiores foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1990 para recoñecer o papel fundamental das persoas maiores na sociedade e promover os seus dereitos e benestar. As persoas de 60 anos ou máis representan unha parte importante da poboación de Narón, polo que o Concello aproveita esta data para reclamar que sexan recoñecidas e valoradas como parte esencial do tecido social e que se garantan os seus dereitos ao longo de toda a vida.

As actividades desta edición comezaron o pasado 1 de setembro e prolongaranse ata o 30 de xuño do próximo ano. Neste curso hai 967 persoas matriculadas en 70 talleres, tanto nos grupos centralizados no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros como nos descentralizados nos locais sociais das parroquias de Piñeiros, Pedroso, A Solaina, San Xiao, San Mateo, Freixeiro, O Val, Sedes, Alto do Castaño, Doso e Xuvia.

A oferta divídese en dous programas. O de Envellecemento activo, exclusivo para maiores de 60 anos, inclúe actividades como vida en movemento, ximnasia rehabilitadora, informática, memoria, lectoescritura, enredar e cancións de animación. Nas parroquias, a oferta complétase con labores e pintura, ademais de vida en movemento, ximnasia rehabilitadora e memoria.

O programa Comunitario ou Interxeracional está aberto a persoas de todas as idades e ofrece actividades como pilates, ioga, ximnasia rehabilitadora, ximnasia musical, bailes de animación, baile latino, redes sociais e informática, uso de móbil intelixente, inglés, labores, cantos de taberna, stretching e relaxación-ansiedade.

Aínda quedan prazas dispoñibles

Aínda quedan prazas libres en quince grupos: manualidades, acompañando, informática, informática avanzada, ximnasia rehabilitadora, vida en movemento, memoria, uso de móbil intelixente, bailes de animación, stretching, pelvic training, pilates, inglés, ioga e cantos de taberna. Ademais, a inscrición na lista de agarda continúa aberta para cubrir posibles vacantes.

“Envellecer non ten por que significar quedar na casa. O envellecemento activo consiste en seguir aprendendo, movéndose e compartindo tempo con outras persoas, e iso é o que queremos facilitar desde o Concello”, indicou a edil de Benestar Social de Narón, María Lorenzo.

As persoas interesadas en apuntarse a algunha destas actividades poden solicitar máis información no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros os luns, mércores e venres, de 8:30 a 14:00 horas, ou nos teléfonos 981 102 152 e 671 383 575.

Ademais, con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, este venres 2 de outubro as agrupacións do Centro Comunitario Municipal celebrarán cunha festa o Día dos Maiores.

0.079340934753418