Narón reforzará a prevención de incendios e mobilizará máis de 111.000 euros para novas actuacións

O Pleno de Narón aprobou este xoves todos os puntos incluídos na orde do día da sesión ordinaria de setembro, entre eles a adhesión ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a empresa pública Seaga para reforzar a prevención dos incendios forestais.
O acordo permitirá avanzar na xestión pública da biomasa nas faixas secundarias, unha das medidas previstas para reducir o risco de propagación dos incendios e mellorar a defensa do territorio fronte ao lume.
A sesión tamén deu luz verde a unha modificación de créditos por 111.327,89 euros, financiada con remanente de Tesourería. Entre as actuacións que se beneficiarán destes fondos figuran a certificación final da reforma da piscina do Couto, melloras de accesibilidade na contorna da Praza do Concello, o reforzo do firme no camiño de Carballeda e a ampliación da rede de saneamento na Picota.
Subvencións e convenios
Durante a sesión ratificouse tamén unha batería de recoñecementos extraxudiciais de crédito, entre eles o pagamento ao Concello de Neda pola organización en 2025 do Memorial Adolfo Ros-Volta á Ría, dentro do convenio rotatorio entre Narón, Neda, Fene e Ferrol.
O Pleno aprobou ademais as bases e a convocatoria das subvencións destinadas a clubs e entidades deportivas de ámbito municipal correspondentes a 2025, así como unha nova convocatoria de axudas para asociacións e outras entidades municipais.
Outro dos bloques da sesión estivo relacionado coa promoción económica. Neste caso, validáronse os convenios de colaboración asinados en 2025 coa Fundación Exponav, Cofer, AJE Ferrolterra, as confrarías de pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre e de Ferrol e a Asociación de Comerciantes de Narón.
Novo modelo para a xestión da auga
O Pleno tamén convalidou o acordo adoptado o pasado mes de xaneiro para establecer un novo modelo de xestión do ciclo integral da auga unha vez que se extinga o actual contrato concesional con Cosma S.A. en xuño de 2027.
A decisión establece a concesión de servizos como modalidade de xestión e inclúe tamén a convalidación dos acordos derivados adoptados en abril deste ano.
Varias mocións saen adiante
Na parte final da sesión aprobáronse diferentes mocións dos grupos municipais.
O Partido Popular sacou adiante dúas iniciativas. Unha reclama revisar e corrixir as deficiencias detectadas nas obras de humanización entre o río Inxerto e a avenida de Santa Icía, mentres que a segunda pide a urbanización integral da rúa Concepción Arenal (DP-5403).
Pola súa banda, o BNG conseguiu aprobar unha proposta para completar o itinerario peonil do Camiño da Xilfeira, entre San Mateo e o polígono Río do Pozo. Tamén prosperou a súa iniciativa para solicitar a adquisición do antigo colexio de Chamorro coa intención de destinalo a un uso social e favorecer a conexión entre barrios.
As dúas mocións presentadas polo grupo municipal socialista tamén recibiron o respaldo do Pleno. Unha delas está relacionada coa colaboración municipal nas actuacións previstas pola Deputación da Coruña nas estradas do Feal e do Trece e a outra reclama garantir unha prestación adecuada do Servizo de Axuda no Fogar e unha atención efectiva ás persoas que permanecen na lista de agarda.