Narón sumará 14 novas vivendas públicas tras converter uns antigos locais de oficinas en fogares

FerrolXa
A Xunta inviste 1,6 millóns de euros na transformación dun inmoble de Freixeiro, con vivendas maioritariamente de tres dormitorios e dous pisos tipo loft
NARON vivendas sociais freixeiro xunta
11 Sep 2026

Narón contará con 14 novas vivendas públicas para compra tras o inicio das obras de transformación duns locais que permanecían sen uso nun inmoble de titularidade autonómica situado na rúa Ponte Pielas, en Freixeiro.

A actuación conta cun investimento de 1,6 millóns de euros e ten un prazo de execución de doce meses. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou este venres o inicio dos traballos xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

O proxecto permitirá dar un novo uso a uns espazos que inicialmente foran deseñados para albergar oficinas. As obras contemplan a creación de 14 fogares accesibles, luminosos e eficientes desde o punto de vista enerxético, que serán destinados a persoas inscritas como demandantes de vivenda no municipio.

A maioría serán de tres dormitorios

As novas vivendas terán diferentes configuracións, aínda que a maior parte delas contará con tres dormitorios. O proxecto inclúe tamén dous pisos tipo loft, ampliando así a variedade da oferta residencial.

Desde a Xunta destacan que a intervención se enmarca nas medidas destinadas a incrementar o parque público de vivenda e, neste caso, na modificación normativa que facilita a conversión de locais sen uso en vivendas.

A previsión é que os traballos estean rematados nun prazo de doce meses. A conselleira asegurou que se intentará axilizar a execución para que as novas vivendas poidan estar dispoñibles canto antes.

Outras 91 vivendas en dúas parcelas municipais

Esta promoción forma parte dun plan máis amplo para aumentar a oferta de vivenda pública en Narón. A Xunta avanza tamén na licitación das obras para construír outras 91 vivendas de promoción pública en dúas parcelas cedidas polo Concello de Narón.

Deste xeito, a Administración autonómica pretende incrementar de maneira significativa o número de fogares públicos dispoñibles no municipio.

Durante a visita, Allegue aproveitou ademais para reclamar ao Goberno central a cesión das máis de 2.500 vivendas baleiras da Sareb en Galicia, co obxectivo de incorporalas ao parque público residencial.

0.11979293823242