Neda concede doce axudas á natalidade nos primeiros nove meses do ano

FerrolXa
O Concello reserva 6.000 euros para apoiar as familias empadroadas na vila, cunha achega que ascende a 600 euros no caso de menores con discapacidade
NATALIDADE-imaxe-xeral-bebe
13 Oct 2026

O Concello de Neda concedeu un total de doce axudas á natalidade durante os primeiros nove meses do ano. Esta liña de subvencións municipais está destinada a apoiar as familias que elixen o municipio para criar os seus fillos e fillas, tanto no caso de nacementos como de adopcións ou acollementos formalizados ao longo de 2026.

A achega consiste nun pagamento único de 300 euros por menor, unha cantidade que se duplica ata os 600 euros cando se trata de nenos ou nenas con algún tipo de discapacidade. Con esta iniciativa, o goberno local busca contribuír a sufragar parte dos gastos que afrontan as familias durante os primeiros meses de vida dos pequenos ou coa súa chegada ao fogar.

Para acceder á subvención, os proxenitores deben inscribir os seus descendentes no padrón municipal de Neda e presentar a solicitude dentro do prazo establecido, que é de tres meses desde o nacemento ou desde a notificación da resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento.

O programa conta cunha partida de 6.000 euros nos orzamentos municipais deste exercicio. Entre os requisitos establecidos para recibir a axuda figura que ambos os proxenitores estean empadroados no municipio e que, polo menos un deles, leve un mínimo de seis meses inscrito no padrón.

Ademais, as familias beneficiarias deberán comprometerse a manter o empadroamento en Neda durante un período mínimo de catro anos. Con estas condicións, o Concello pretende favorecer o asentamento da poboación e apoiar as familias que deciden desenvolver a súa vida no municipio.

0.16609311103821