Neda conmemorará o 25 N cunha marcha reivindicativa, teatro e accións de sensibilización

FerrolXa
A programación arrincará este venres coa obra 'Sophie non é o meu nome de guerra' e terá como acto central a Marcha polo bo trato, o mércores 25 de novembro
NEDA 25n
21 Nov 2026

Neda prepara unha programación especial con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o próximo 25 de novembro. A Marcha polo bo trato volverá ser o acto central da iniciativa, na que participarán alumnado dos centros escolares do municipio e que incluirá tamén propostas culturais e accións de sensibilización.

A programación comezará este venres, 20 de novembro, ás 20.30 horas, coa representación do espectáculo de teatro contemporáneo 'Sophie non é o meu nome de guerra'. A obra relata a dura viaxe dunha muller desde Camerún ata A Coruña e aborda cuestións como o exilio forzoso, as políticas migratorias europeas e a trata de mulleres con fins de explotación sexual.

A andaina reivindicativa celebrarase o mércores 25 de novembro en horario matinal. O alumnado dos centros educativos de Neda encabezará a marcha, aberta tamén ao conxunto da veciñanza, que partirá ás 10.30 horas da contorna do albergue de peregrinos e rematará na Casa do Concello.

Alí gardarase un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero. A continuación, na Casa da Cultura, terá lugar un acto no que os estudantes compartirán reflexións sobre esta problemática. Pola noite, a fachada da Casa Consistorial iluminarase con motivo da conmemoración.

A programación municipal incluirá tamén a campaña 'De fronte', impulsada pola Deputación da Coruña, centrada na prostitución e nas dinámicas sociais, económicas e culturais que a sosteñen. Ao longo da próxima semana habilitaranse na Casa da Cultura espazos de reflexión nos que a cidadanía poderá achegarse a diferentes cuestións relacionadas con esta realidade.

A biblioteca municipal sumará á iniciativa un centro de interese con libros e materiais sobre igualdade, completando así as actividades previstas polo Concello para visibilizar a violencia contra as mulleres e promover a sensibilización social.

0.14380216598511