Neda destina 5.000 euros a axudas para impulsar a carreira de deportistas locais

FerrolXa
O Concello abre o prazo para solicitar subvencións individuais de ata 800 euros destinadas a deportistas que compitan a nivel autonómico, nacional ou internacional4
NEDA axudas deporte
18 Nov 2026

O Concello de Neda volve poñer en marcha unha liña de axudas económicas para apoiar os deportistas individuais do municipio e favorecer o seu desenvolvemento deportivo e profesional. A convocatoria, dotada cun orzamento total de 5.000 euros, está dirixida a persoas que participen en competicións de ámbito autonómico, nacional ou internacional.

As subvencións poderán alcanzar os 800 euros por beneficiario. Para acceder a elas, será necesario estar empadroado en Neda cunha antigüidade mínima de dous anos consecutivos, participar en competicións organizadas ou recoñecidas polas federacións correspondentes e acreditar un nivel deportivo na especialidade, como mínimo, durante o ano anterior ao da solicitude.

As persoas interesadas dispoñen ata o 7 de decembro para presentar a documentación requirida por vía telemática. A convocatoria pretende contribuír a sufragar os gastos vinculados ao desenvolvemento dos proxectos deportivos e facilitar que os atletas locais poidan continuar progresando nas súas respectivas disciplinas.

A distribución dos fondos terá en conta distintos criterios, entre eles o proxecto deportivo previsto para a tempada actual, os resultados acadados nas dúas tempadas anteriores en competición oficial e a implantación e relevancia da modalidade a nivel nacional. Tamén se valorará a achega económica necesaria para desenvolver o proxecto competitivo.

Ademais, a convocatoria contempla méritos deportivos específicos, como o recoñecemento como deportista de alto nivel ou as convocatorias para formar parte das seleccións galega ou española.

0.47730207443237