Neda e Fene poñen en marcha 'Refórzate', un programa para mellorar as habilidades e o benestar do alumnado

Os municipios de Neda e Fene porán en marcha durante este mes de novembro unha nova edición de 'Refórzate', un programa socioeducativo e preventivo destinado a alumnado con dificultades de aprendizaxe, problemas de conduta, xestión emocional ou carencias en habilidades sociais. A iniciativa, que alcanza a súa cuarta edición, busca proporcionar aos menores ferramentas para desenvolverse con maior autonomía no seu día a día.
O programa ofertouse recentemente aos centros educativos públicos de Neda e está dirixido a estudantes de entre 4.º e 6.º de Primaria e de 1.º a 4.º da ESO. Os colexios San Isidro e Maciñeira e o IES Fernando Esquío participarán na selección e derivación do alumnado, coa implicación das familias, que terán un papel fundamental no desenvolvemento da proposta.
As sesións desenvolveranse semanalmente ata final de curso e estarán organizadas en grupos reducidos. A través de retos, xogos cooperativos e outras dinámicas activas, os participantes traballarán a organización, a autorregulación, a convivencia, a toma de decisións e o benestar dixital.
Os encontros, que terán lugar nas instalacións do CEIP San Isidro, abordarán tamén o autocoñecemento e a xestión das emocións, dos impulsos e do estrés. Ademais, trataranse cuestións como a asertividade, a resolución de conflitos entre iguais e os posibles problemas derivados do uso de pantallas, videoxogos e redes sociais.
'Refórzate', subvencionado pola Consellería de Sanidade, adaptará os seus obxectivos ás necesidades de cada participante. Entre as súas metas figuran mellorar as competencias educativas e sociais, favorecer a socialización, reforzar a autoestima e a responsabilidade e promover hábitos de vida saudables.
A iniciativa preséntase baixo o lema 'Ferramentas para medrar con autonomía' e pretende ofrecer aos menores recursos prácticos para afrontar situacións cotiás e mellorar as súas relacións cos demais.