Neda leva á súa biblioteca a campaña 'De fronte' contra a explotación sexual das mulleres

O Concello de Neda súmase un ano máis á campaña 'De fronte', impulsada pola Deputación da Coruña con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro. Nesta ocasión, a biblioteca municipal incorpora aos seus espazos varios recunchos temáticos para promover a reflexión sobre a prostitución, a explotación sexual e as desigualdades sociais, económicas e culturais que están detrás destas formas de violencia contra as mulleres.
A iniciativa propón cambiar o foco do debate e deixar de estigmatizar as mulleres que exercen a prostitución para poñer a atención na responsabilidade dos homes que pagan por sexo, na normalización da demanda e nos mecanismos que permiten converter os corpos das mulleres en mercadoría. Os materiais informativos tamén abordan o papel da pornografía e os modelos de sexualidade que reproducen relacións baseadas na desigualdade e na dominación.
A campaña terá presenza tamén noutros espazos municipais. Desde inicios de semana, o Concello reparte material promocional na casa consistorial, na biblioteca e no centro cívico. Entre os elementos distribuídos figuran portatarxetas, cintas para colgar ao pescozo e protectores de cámaras web, obxectos de uso cotián cos que se pretende dar visibilidade á iniciativa e lembrar a importancia de previr a violencia machista tamén nas contornas dixitais.
Estas accións forman parte da programación especial organizada polo Concello de Neda arredor do 25N. Porén, as previsións meteorolóxicas obrigaron a modificar parte das actividades previstas para este mércores. A administración local decidiu cancelar a 'Marcha polo bo trato', na que participa cada ano o alumnado dos centros educativos públicos do municipio.
Si se manterá o 'Encontro escolar polo bo trato', que terá lugar na Casa da Cultura. Durante a actividade, os nenos e nenas darán a coñecer as intervencións e propostas fronte á violencia de xénero que estiveron preparando nas aulas. Deste xeito, o Concello conserva unha das citas centrais da programación educativa do 25N, adaptándoa ás condicións meteorolóxicas.