O agro de Ortigueira busca asegurar o relevo das explotacións que afrontan a xubilación

FerrolXa
O proxecto Nó Rural iniciou catro visitas a gandeiros e agricultores para coñecer os seus negocios e conectalos con persoas emprendedoras interesadas en continuar coa actividade
ORTIGUEIRA gandeiria vilarmor
28 Sep 2026

O relevo xeracional converteuse nun dos principais retos para garantir a continuidade de moitas explotacións agrarias e gandeiras. Para afrontar esta situación, o proxecto de cooperación Leader Nó Rural iniciou en Ortigueira unha primeira rolda de visitas sobre o terreo a titulares de negocios próximos á xubilación.

O equipo técnico desprazouse a Loiba, O Ermo, Vidueira e Caxigueira, onde visitou catro explotacións dedicadas á gandaría de vacún de carne e de leite. O obxectivo destas primeiras reunións é coñecer de primeira man a realidade de cada negocio, as súas necesidades e as condicións nas que os seus titulares estarían dispostos a afrontar un proceso de relevo.

A iniciativa pretende poñer en contacto estas explotacións con persoas emprendedoras interesadas en desenvolver a súa actividade profesional no rural, facilitando así que negocios xa consolidados poidan continuar activos cando os seus actuais responsables deixen a actividade.

Estas visitas dan continuidade a unha enquisa posta en marcha por Nó Rural a comezos do verán para identificar explotacións cuxos titulares estean próximos á retirada e que poidan estar interesados en buscar unha persoa que tome o relevo. O cuestionario continúa dispoñible a través da web e das redes sociais do proxecto.

No proceso participan os seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) integrados no proxecto de cooperación Leader, xunto con organizacións sindicais, oficinas rurais, entidades de asesoramento, polos de emprendemento, centros de formación da rama agraria, cooperativas, asociacións, fundacións e outras empresas. Tamén colabora a Universidade de Santiago.

Nó Rural está liderado por Seitura 22 e reúne, ademais, o GDR10 Limia-Arnoia, GDR Terra Chá, GDR Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e GDR Mariñas-Betanzos.

O proxecto comezou a traballar a finais de 2025 tomando como referencia a experiencia desenvolvida en Cataluña. Desde entón constituíronse seis grupos motores nas áreas de influencia dos GDR participantes, que analizaron as dificultades existentes para garantir o relevo no sector agrario e tamén os recursos e iniciativas que poden contribuír a facilitalo.

Entre as actuacións desenvolvidas tamén figuran unhas xornadas técnicas celebradas na provincia de Ourense baixo o título 'O relevo no sector agrario entre Galicia e Cataluña', nas que participaron representantes de entidades de desenvolvemento rural e institucións vinculadas a ambos os territorios.

As visitas iniciadas agora en Ortigueira supoñen un novo paso para coñecer sobre o terreo as explotacións que poden necesitar un relevo e avanzar na conexión entre os seus titulares e posibles novos profesionais interesados en continuar a actividade no rural.

0.12467789649963