O alumnado de Moeche reivindica os dereitos da infancia nun pleno do Consello Local da Infancia

FerrolXa
Nenas e nenos de Infantil e Primaria participaron nunha sesión especial do CLIA baixo o lema 'Estamos aquí', na que reclamaron o dereito a xogar, aprender, recibir coidados e ser escoitados
MOECHE nenos concello
24 Nov 2026

O alumnado de Educación Infantil e Primaria de Moeche participou nun pleno especial do Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) para conmemorar o Día Mundial da Infancia e reivindicar os seus dereitos.

A sesión deu continuidade ás actividades desenvolvidas nos últimos días, entre elas a participación dos representantes do Consello Local da Infancia no Parlamento, onde trasladaron as súas demandas. Nesta ocasión, foron os máis pequenos, acompañados polo profesorado, os que tomaron a palabra baixo o lema 'Estamos aquí'.

Durante o pleno, Iago, un dos participantes máis pequenos, ocupou o asento da Alcaldía e, coa axuda de Teo, un dos maiores, trasladou as reivindicacións da rapazada sobre os dereitos básicos da infancia. As demandas tamén quedaron recollidas en pancartas elaboradas polo propio alumnado.

Entre as reivindicacións figuraron o dereito a recibir atención e coidados para a saúde, a xogar, a aprender e recibir educación, a unha alimentación adecuada, ao agarimo, á igualdade, á seguridade e a ser escoitados.

A actividade contou tamén coa presenza de representantes das entidades veciñais de San Xurxo e Labacengos, así como dos grupos municipais, que acompañaron o alumnado nesta sesión reivindicativa.

0.10657715797424