O antigo Cine Zárate inicia o camiño para converterse na nova biblioteca municipal de Mugardos

O Concello de Mugardos iniciou o proceso de licitación das obras para rehabilitar o antigo Cine Zárate e convertelo na futura biblioteca municipal, un proxecto que permitirá recuperar un dos inmobles máis emblemáticos da vila e dotar ao municipio dun equipamento cultural adaptado ás necesidades actuais. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de agosto a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
A actuación conta cun orzamento de 1.270.452,72 euros e un prazo de execución de 15 meses. O financiamento procederá maioritariamente de Reganosa, que asumirá preto do 75% do investimento, mentres que a Xunta colaborará a través das consellerías de Presidencia e de Cultura. Pola súa banda, o Concello achegará algo máis do 5% do custo total.
O proxecto contempla a conservación das fachadas históricas do antigo cine, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, ao tempo que se levantará un novo edificio no seu interior adaptado aos actuais criterios de accesibilidade, eficiencia enerxética e funcionalidade.
A futura biblioteca contará con diferentes espazos destinados á lectura e á consulta, unha zona específica para o público infantil, unha aula tecnolóxica, salas de estudo, unha terraza pensada para a celebración de actividades culturais ao aire libre e unha sala multiúsos con acceso independente para acoller presentacións, conferencias e exposicións. O deseño busca crear un espazo aberto á actividade cultural e educativa de Mugardos.
A rehabilitación do Cine Zárate permitirá tamén recuperar un edificio construído na década de 1920 que durante anos foi un dos principais centros sociais e culturais da localidade. Tras décadas de deterioro, a intervención dará un novo uso público a este inmoble histórico, preservando os seus elementos patrimoniais máis representativos e devolvéndolle un papel destacado na vida cultural do municipio.