O antigo Torrente Ballester convertirase no Museo de Ferrol, con máis de 1.000 obras

Ferrol contará cun museo propio integrado no Sistema Galego de Centros Museísticos. O Consello da Xunta aprobou este luns, 16 de novembro, a creación do Museo de Ferrol, que estará xestionado polo Concello e terá a súa sede no antigo Centro Cultural Torrente Ballester, situado no Hospital da Caridade.
O novo equipamento reúne máis de 1.000 pezas de pintura, gravado e debuxo, coas que se pretende dar a coñecer a historia da cidade a través das súas representacións artísticas. A colección permitirá poñer en valor o patrimonio pictórico ferrolán dos séculos XIX e XX e mostrar a súa relación con movementos como o romanticismo, o realismo e as vangardas.
O proxecto conta cun investimento conxunto de 512.000 euros entre a Xunta e o Concello. Dentro desta colaboración, o Goberno galego achega 250.000 euros para actuacións de renovación e restauración do edificio, cuxas obras está previsto que rematen o vindeiro mes de decembro.
O museo ocupará un espazo que conta con catro salas de exposición permanente e tres de carácter temporal. A súa proposta expositiva artéllase arredor da relación histórica de Ferrol co mar e a paisaxe, a industria naval, a herdanza militar e a arte, elementos que marcaron boa parte da creación artística vinculada á cidade.
A intervención inclúe a reparación da cuberta, a substitución da cubrición do patio por unha estrutura acristalada, o pintado das fachadas e a urbanización do lateral noroeste. O obxectivo é acondicionar o inmoble para convertelo nun equipamento cultural de referencia na comarca.
A incorporación do Museo de Ferrol eleva a 102 os espazos recoñecidos no Sistema Galego de Centros Museísticos, que inclúe museos, coleccións rexistradas e centros de interpretación do patrimonio cultural.