O Auditorio de Ferrol xa leva o nome de Álvaro Lamas tras o apoio unánime do pleno

O Auditorio de Ferrol xa ten novo nome. O pleno municipal aprobou por unanimidade a denominación 'Auditorio de Ferrol Álvaro Lamas', nunha homenaxe permanente ao músico ferrolán, falecido o pasado mes de xaneiro.
A decisión foi respaldada polos catro grupos municipais, PP, PSOE, BNG e Ferrol en Común, e culmina o expediente de honras e distincións iniciado no pleno do pasado 25 de xuño.
Durante a tramitación recompilouse documentación sobre a carreira artística e profesional de Álvaro Lamas, así como sobre a súa estreita relación coa cidade. O proceso tamén incluíu un período de información pública no que se rexistraron 2.248 firmas e comparecencias, todas elas favorables á proposta.
O acordo municipal pon en valor a longa vinculación de Lamas con Ferrol, o seu compromiso coa música e coa cultura e o carácter interxeracional da súa figura. Tamén destaca a súa condición de pioneiro da steel guitar en España.
Coñecido como Alvarito Steel Guitar, Álvaro Lamas desenvolveu unha ampla traxectoria musical e formou parte de Los Limones, ademais de colaborar con artistas e formacións como Los Secretos, Siniestro Total e Antonio Vega.
A súa pegada na música transcendeu a súa propia carreira e converteuno nun referente para diferentes xeracións de músicos. Precisamente, a proposta de dar o seu nome ao auditorio naceu como unha iniciativa impulsada desde o propio sector musical da cidade tras o seu falecemento.
A nova denominación xa é efectiva e irá incorporándose progresivamente á identificación oficial do equipamento, á sinalización, aos soportes institucionais e á documentación municipal. Nas próximas semanas está previsto celebrar un acto institucional oficial para formalizar publicamente a homenaxe a un dos músicos máis ligados á historia cultural recente de Ferrol.