O Bertón contará con 65 novas vivendas públicas repartidas en tres bloques

FerrolXa
A Xunta adxudica a construción dunha promoción nunha parcela da súa propiedade por máis de 10,5 millóns de euros, con dous locais comerciais e garaxes e rochos no soto
FERROL vivendas berton
23 Nov 2026

O polígono de O Bertón incorporará 65 novas vivendas de promoción pública coa construción dun complexo residencial formado por tres bloques. A Xunta de Galicia adxudicou as obras, que suporán un investimento de 10.550.435 euros. Esta nova promoción súmase ás iniciativas residenciais previstas no barrio, onde tamén está en marcha o proxecto para construír outras 58 vivendas públicas.

A actuación desenvolverase nunha parcela de titularidade autonómica de 2.223 metros cadrados situada no polígono de O Bertón. O proxecto contempla unha superficie construída total de 10.213 metros cadrados e tres edificios lineais que contarán con cinco plantas de vivendas sobre rasante.

O conxunto disporá dunha planta de soto que ocupará toda a parcela e estará destinada a garaxes, rochos e espazos para instalacións. Na planta baixa habilitaranse soportais de uso público, seis portais de acceso, dependencias técnicas, cuartos de limpeza e un espazo para o almacenamento de contedores de lixo.

Ademais, o proxecto inclúe dous locais comerciais e un centro de transformación. Os espazos da parcela que non estean ocupados pola edificación sobre rasante destinaranse a zona libre privada.

Cada un dos tres bloques terá dous portais de acceso e cinco plantas superiores cunha distribución idéntica. A promoción permitirá ampliar o parque de vivenda pública de Ferrol en 65 novos inmobles, nun contexto de demanda de pisos accesibles na cidade, que tamén motivou mobilizacións para reclamar máis vivenda pública e medidas fronte ao encarecemento dos alugueiros.

A adxudicación das obras foi acordada polo Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal). O investimento será asumido integramente pola Xunta, sen financiamento procedente de fondos europeos nin estatais.

Por outra banda, a redacción do proxecto e a dirección de obra foron adxudicadas á UTE Bertón 10 por un importe de 393.976 euros. A parcela sobre a que se levantará o complexo xa foi urbanizada polo Goberno autonómico.

0.13687801361084