O BNG chama a secundar a folga do 11 de novembro para reclamar avances en dereitos

FerrolXa
Manuel Polo, Pilar Lozano e Mon Fernández reuníronse coa CIG en Ferrol para trasladar o seu apoio á convocatoria e pedir unha participación masiva nas mobilizacións da comarca
FERROL bng cig folga 11 n
10 Nov 2026

O BNG anima a participar na folga convocada pola CIG para este mércores 11 de novembro e nas manifestacións previstas en Ferrol e As Pontes. Unha representación da formación nacionalista reuniuse coa central sindical para coñecer os preparativos da xornada, trasladar o seu apoio á convocatoria e comprometer o seu labor no Congreso para avanzar en dereitos desde a realidade galega.

No encontro participaron o candidato do BNG ao Congreso, Manuel Polo; a responsable comarcal, Pilar Lozano; e o deputado no Parlamento galego e futuro candidato á Alcaldía de Ferrol, Mon Fernández.

Polo definiu Galicia como un pobo loitador, que se mobilizou en numerosas ocasións en defensa da sanidade e do ensino públicos, contra Altri e a explotación dos recursos naturais, polas pensións e polos convenios laborais. Por iso, considera que a folga do día 11 debe servir para paralizar a actividade e reclamar novos avances sociais.

A vivenda, no centro das reivindicacións

O candidato nacionalista destacou o contexto electoral no que se celebra esta convocatoria e defendeu que a folga debe expresar a vontade dunha Galicia que quere avanzar en dereitos. Segundo sinalou, a vivenda debe ocupar un lugar central nas reivindicacións, xunto con cuestións como os salarios, as pensións e os servizos públicos, que considera fundamentais para garantir un proxecto de vida digno.

O BNG tamén advertiu da importancia das próximas eleccións xerais e alertou da posibilidade dun Goberno estatal do PP e Vox, ao que atribúe a intención de aplicar recortes. A formación considera que os resultados electorais poden ser determinantes para situar as demandas galegas entre as prioridades políticas do Estado.

Polo asegurou que, se o BNG igualase os resultados das últimas eleccións galegas, podería contar con sete deputados e deputadas no Congreso. Na súa opinión, esa representación permitiría reforzar a defensa de cuestións como a AP-9, o ferrocarril, os investimentos industriais e os prezos enerxéticos.

Dúas mobilizacións pola mañá e outra pola tarde

O BNG chama a participar masivamente nos actos da xornada de folga e nas manifestacións convocadas pola CIG. En Ferrol, a marcha sairá ás 12:00 horas da avenida de Esteiro, mentres que nas Pontes a convocatoria será á mesma hora na praza do Concello.

Ademais, a formación anima a asistir á manifestación convocada pola Plataforma Vivenda Xa!, que partirá ás 18:00 horas da praza Amada García, en Ferrol.

0.143061876297