O BNG chama desde Narón a movilizar o voto galego nas eleccións do 29N

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chamou a mobilizar o voto galego nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro durante un mitin celebrado en Narón. O candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, defendeu a necesidade de reforzar a representación nacionalista en Madrid e asegurou que 'canto máis forza teña o BNG en Madrid, máis forza terá Galiza'.
Rego advertiu de que a formación está a disputar escanos coa dereita e coa ultradereita e apuntou directamente á provincia da Coruña, onde, segundo afirmou, o BNG compite con Vox por un deputado. Por iso, pediu mobilizar familiares, amizades e compañeiros de traballo para conseguir unha maior participación e evitar que a formación de extrema dereita obteña representación galega.
O candidato tamén reivindicou a candidatura de Rosana Pérez, á que definiu como unha representante que xa defendeu os intereses das clases populares no Parlamento galego e no Congreso. 'Temos que frear as dereitas, pero tamén avanzar. Tampouco nos vale que todo siga como está', afirmou, nunha crítica tanto ao Partido Popular como ao Goberno socialista.
O mitin contou cunha destacada presenza de público e de xente nova, algo que Rego vinculou ás mobilizacións recentes en defensa dos dereitos da mocidade, da vivenda e contra o fascismo. O candidato animou a trasladar esa mobilización ás urnas, xunto coa da clase traballadora galega que participou na folga xeral do 11 de novembro.
A vivenda, no centro das reivindicacións
Un dos asuntos aos que máis tempo dedicou Rego foi o acceso á vivenda. O candidato lembrou a situación dunha familia de Narón que, segundo explicou, estaba a piques de ser desafiuzada dunha vivenda de Xestur, cuestión pola que xa se desprazara ao municipio aproximadamente un mes antes. Criticou que unha entidade pública que debería facilitar a incorporación de vivendas ao mercado para atender as necesidades da cidadanía actúe, ao seu xuízo, como un fondo voitre.
Neste ámbito, defendeu a prohibición efectiva dos desafiuzamentos, a limitación dos prezos dos alugueiros e das hipotecas e a mobilización das vivendas baleiras en mans de grandes fondos. Tamén cuestionou a actuación do Goberno central, ao considerar insuficientes as medidas adoptadas, e criticou as propostas do Partido Popular en materia de vivenda.
Rego puxo igualmente o foco nas pensións públicas. Advertiu do risco de avanzar cara á súa privatización e defendeu elevar as pensións mínimas e non contributivas ata o 60 % do salario medio. O obxectivo, explicou, é garantir que as persoas que traballaron durante toda a súa vida poidan gozar dunha vellez digna e con tranquilidade.
A defensa da lingua galega foi outro dos eixes da intervención. O candidato criticou as propostas do PP contrarias ao uso do galego no Congreso e asegurou que o BNG non permitirá que a lingua quede excluída das institucións. Tamén advertiu das consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter un Goberno apoiado pola ultradereita para os dereitos das mulleres, os dereitos sociais, o autogoberno e as políticas de igualdade.
Críticas ao gasto militar e demanda de máis investimentos
O candidato nacionalista cuestionou o incremento do gasto militar do Goberno central e contrapúxoo aos recursos destinados a políticas sociais. Na súa intervención, asegurou que desde finais de agosto o Consello de Ministros aprobou contratos por valor de 24.000 millóns de euros para armamento e gasto militar, unha cifra que utilizou para reclamar un cambio nas prioridades do Executivo.
Rego defendeu que os recursos públicos deben reforzar a sanidade, o ensino, a atención á dependencia, a vivenda pública, o emprego e a industrialización. Neste sentido, reivindicou máis investimentos en infraestruturas, equipamentos e servizos para Galicia e acusou o PSOE de non atender suficientemente as necesidades do país se non existe unha presión política que as sitúe na axenda estatal.
Fronte a esa situación, presentou o BNG como a forza que pode defender os intereses galegos en Madrid e reclamar un cambio de rumbo. 'Ninguén máis que o pobo galego manda', afirmou, antes de insistir en que un grupo nacionalista máis forte no Congreso permitiría que Galicia tivese máis capacidade para influír nas decisións políticas e económicas do Estado.