O BNG de Cariño reclama protexer as antigas conserveiras Ártica e Centauro ante o seu deterioro

FerrolXa
A moción saíu adiante cos votos favorables do BNG e PSOE e a abstención do PP, despois da demolición da nave de Marujita Canela
CARIÑO artica conservera
19 Aug 2026

O Pleno de Cariño aprobou na súa sesión do pasado 6 de agosto unha moción do BNG para reforzar a protección das antigas fábricas conserveiras Ártica e Centauro, dous inmobles vinculados á historia industrial do municipio cuxo estado de conservación xera preocupación.

A iniciativa saíu adiante cos votos favorables do BNG e PSOE, mentres que o PP se abstivo. A formación nacionalista pretende que o Concello impulse diferentes medidas para evitar que estes edificios sufran un deterioro irreversible e garantir a súa conservación de cara a unha posible recuperación futura.

A situación adquire especial relevancia despois de que o pasado mes de abril fose demolida a nave da antiga fábrica Marujita Canela, outro dos inmobles vinculados ao pasado conserveiro de Cariño. O BNG considera que este precedente fai necesario actuar sobre os edificios que aínda permanecen en pé.

O estado da Ártica preocupa especialmente

Durante o pleno, o BNG puxo o foco especialmente no estado da antiga fábrica Ártica, cuxa cuberta presenta actualmente diferentes desperfectos. A rotura de numerosas tellas permite a entrada de auga e está afectando á estrutura interior de madeira.

A formación considera que a situación require actuacións urxentes para evitar que o deterioro avance ata comprometer a estabilidade do inmoble.

Tamén sinalou o estado da antiga fábrica Centauro, que, aínda que non presentaría actualmente un risco estrutural grave, leva anos sufrindo un proceso progresivo de degradación ante a falta de mantemento.

Ambas instalacións atópanse en dominio público marítimo-terrestre e a súa titularidade corresponde actualmente a Portos de Galicia.

Para o BNG, as dúas edificacións representan unha parte relevante do patrimonio industrial de Cariño e conservan un valor histórico, arquitectónico e identitario relacionado coa época de maior desenvolvemento da industria conserveira local.

O BNG pide blindar os edificios fronte a unha posible demolición

A moción exposta no pleno propón que as antigas conserveiras sexan incorporadas ao catálogo do PXOM de Cariño como bens inmobles singulares, co obxectivo de reforzar a súa protección desde o ámbito urbanístico.

Ademais, solicita que se pida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un informe sobre os valores históricos, industriais, arquitectónicos e etnolóxicos das dúas construcións.

O BNG tamén propón estudar a súa incorporación ao Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia ou aplicar, se corresponde, algunha outra figura de protección patrimonial.

Outra das peticións aprobadas consiste en reclamar a Portos de Galicia actuacións de conservación. No caso da Ártica, formúlanse intervencións urxentes na cuberta e medidas de apuntalamento da estrutura de madeira para evitar un posible colapso. Para a Centauro solicítanse inspeccións, traballos de limpeza e, se fose necesario, medidas de apuntalamento.

A moción inclúe ademais a oposición do Concello a unha eventual demolición de calquera dos dous edificios.

Un patrimonio que o BNG quere recuperar

A formación nacionalista defende que a conservación destas instalacións non debe limitarse a evitar a súa desaparición, senón que debería servir como punto de partida para unha futura recuperación e posta en valor do patrimonio conserveiro de Cariño.

O BNG lembra que xa en xaneiro de 2025 presentara outra moción sobre este asunto, que foi aprobada por unanimidade. Aquela iniciativa reclamaba, entre outras cuestións, incorporar as antigas fábricas ao catálogo do PXOM, solicitar un informe técnico sobre o seu estado e establecer medidas para frear o seu deterioro.

A nova moción pretende dar continuidade a aquelas peticións e reclamar que se adopten medidas antes de que o deterioro das construcións alcance un punto no que a súa recuperación resulte inviable.

O acordo será trasladado a Portos de Galicia, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ás asociacións e entidades locais interesadas na protección do patrimonio histórico de Cariño.

0.11200594902039