O BNG de Ferrol celebrará o Samaín na estación de autobuses para denunciar o estado do transporte público

FerrolXa
A acción reivindicativa terá lugar este domingo, 1 de novembro, a partir das 17:00 horas, nunha instalación que a formación cualifica de "estación pantasma"
FERROL estacion bus
31 Oct 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ferrol organizará este domingo, 1 de novembro, unha acción reivindicativa na estación de autobuses da cidade para denunciar a situación do transporte público. A iniciativa, que coincidirá coa celebración do Samaín, comezará ás 17:00 horas e utilizará a temática das pantasmas para poñer o foco nas deficiencias deste servizo.

A formación nacionalista considera que a estación se converteu nunha "auténtica obra mestra do terror contemporáneo" polo seu estado e pola situación que atravesa o transporte público. Neste sentido, critica os recortes nas liñas, a desaparición de horarios e a falta de actuación da Xunta de Galicia, así como os problemas que atribúe á empresa Monbús.

O BNG sostén que os problemas de mobilidade en Ferrol se agravaron ata o punto de que utilizar o autobús se converteu nunha experiencia imprevisible. Por iso, aproveitará a actividade para dar a coñecer os seus "conxuros contra o mal de ollo" da Xunta, en referencia ás dificultades que, segundo denuncia, sofren os veciños e veciñas de Ferrolterra para dispoñer dun transporte público digno.

0.13385987281799