O BNG de Ferrol propón melloras para san Xurxo e denuncia o abandono de Rei Varela

FerrolXa
"As recentes medidas anunciadas polo alcalde quedan moi lonxe das demandas da Asociación de veciños e veciñas", din
bng-ferrol-visita-san-xurxo
15 Oct 2026

O BNG de Ferrol visitou a parroquia de San Xurxo, acompañados pola AVV, para coñecer de primeira man todas as deficiencias desta parroquia ferrolá. Na visita participaron varias integrantes da formación nacionalista, entre eles o deputado e candidato á alcaldía Mon Fernández e o concelleiro Roberto Montero.

O BNG demanda entre outras cousas a creación de unha beirarrúa que vaia desde o piñeiral de Doniños ao cruce de Regueira, e outra desde o cruce de Regueira á praia de San Xurxo, o que uniría as praias de Doniños e San Xurxo a través dunha beirarrúa que facilitaría a mobilidade da veciñanza aumentando a súa seguridade, sobre todo das crianzas e daquelas persoas con problemas de mobilidade.

Outra das principais demandas trasladada pola entidade veciñal é reparación de numerosos camiños co firme en situación lamentable, e que se acometan de inmediato as necesarias melloras de sinalización viaria que contempla o informe elaborado pola policía local, informe que o goberno do PP ignora poñendo en perigo a circulación por estradas e camiños da parroquia.

Os nacionalistas denuncian que o recente anuncio por parte do alcalde Rey Varela de actuacións en 3 camiños da parroquia, con axuda do POS + Adicional da Deputación, non é máis que unha medida cosmética e de propaganda que desatende as necesidades máis importantes de San Xurxo, entre as que salientan, ademais das xa mencionadas, dous puntos negros nos que se veñen producindo continuas saídas de coches no núcleo da Vila da Area, situados na zona do cruce de Priogal e do cruce de Arealba; o estado lamentable do firme de numerosos camiños, algúns totalmente cubertos de fochancas e outros sen asfaltar, como o camiño do Castrillón (Trasouteiro), o camiño da Ponte Pequena (Carregal), o camiño 14 (Priogal), ou o camiño Real que comunica San Xurxo con Valón.

En canto á situación da seguridade vial, existe perigo por ausencia de sinalización nas estradas, sinalización vertical e horizontal en numerosos cruces, e ausencia de pasos de peóns nas zonas máis transitadas así como tramos de bandas sonoras para calmar o tráfico.

E, en último lugar, tamén trasladan queixas por carecer de marquesiñas nas paradas do bus, e máis pola deficiente iluminación e mantemento.

A formación nacionalista trasladará estas demandas ao concello facendo fincapé no feito de tratarse de necesidades relacionadas coa seguridade de peóns e tránsito rodado que deberían ser prioritarias, sobre todo existindo un informe da policía local desde hai meses que constata esta necesidade.

0.17273187637329