O BNG de Narón denuncia de novo os incumprimentos arredor da cementeira de Castro

O BNG de Narón volve poñer o foco sobre a situación de contaminación e ilegalidade que rodea á cementeira de Castro. Un ano e dez meses despois a contorna do camiño da Fontaina segue pechada con cepos e obstáculos que impiden o tránsito veciñal.
Dende o Bloque denunciase a actitude do goberno local, que continúa sen dar resposta ás alegacións presentadas hai máis dun ano no marco do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Alegacións rexistradas tanto polo BNG como pola propia asociación de veciños e veciñas de Castro e múltiples residentes a título individual.
Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía, Geno Carballeira, lembrou que xa existen "varias sentenzas xudiciais" que no seu día deron a razón aos veciños e avalaron a paralización dos traballos. "Hai case dous anos comezábanse unhas obras arredor da cementeira para tentar disimular a ilegalidade desta empresa contaminante que nunca debeu ser construída. A día de hoxe, o vial público segue cortado por uns cepos que non dan servizo a ninguén. Estamos ante un compromiso gravemente incumprido por parte da regidora", declarou Carballeira.
A pesar das xustificacións do Concello —que alegou no seu momento que os traballos respondían á modificación puntual do plan de sectorización e aos proxectos de equidistribución e urbanización—, a realidade é que o goberno municipal segue sen resolver as alegacións nin aclarou cando nin como devolverá o vial ao uso público.
O BNG de Narón exixe que o Concello cumpra a palabra dada, execute a reapertura inmediata do vial público e responda de xeito definitivo ás alegacións veciñais ao novo PXOM.