O BNG de Ortigueira acudirá á Valedora do Pobo polas trabas para acceder á información municipal

O BNG de Ortigueira volverá trasladar á Valedora do Pobo as dificultades que, segundo denuncia, está a atopar para acceder a información municipal necesaria para desenvolver as súas tarefas de control e fiscalización da xestión do Concello.
A formación explica que o 9 de agosto o grupo municipal solicitou documentación sobre as subvencións concedidas e pendentes, a execución trimestral do orzamento e as inspeccións realizadas no marco do programa Bandeira Azul. A resposta recibida limitouse a indicar que o decreto correspondente se demoraría pola ausencia do secretario titular, malia que o informe xa estaba elaborado e só quedaba pendente de sinatura. Desde entón, o acceso efectivo a esa información continúa sen resolverse.
Posteriormente, o 27 de agosto, o BNG pediu datos sobre a situación do servizo de Urbanismo e os expedientes de licenzas. O Concello permitiu consultar unha parte da documentación, pero rexeitou facilitar outra. Ante esta decisión, o concelleiro presentou un recurso de reposición que, segundo a formación, segue pendente de resolución.
O portavoz municipal do BNG, Marco Schaal, considera que dispoñer desta documentación é fundamental para exercer o labor da oposición. "O acceso á información é imprescindíbel para poder facer o noso traballo de oposición", afirma. Segundo explica, as peticións non responden a unha cuestión de curiosidade, senón á necesidade de fiscalizar a xestión municipal e defender os intereses da veciñanza.
Schaal tamén cuestiona que unha solicitude presentada en agosto continúe sen ser atendida por completo e que sexa necesario reclamar reiteradamente documentación á que os representantes municipais deberían poder acceder para cumprir as súas funcións.
ANTECEDENTES
A responsábel local do BNG, Fani Pérez, asegura que as dificultades denunciadas non son novas e lembra que xa houbo actuacións da Valedora do Pobo relacionadas co acceso á información municipal.
"É especialmente preocupante que, aproximadamente dous anos despois daqueles antecedentes, sigamos atopando dificultades para acceder á información municipal", sinala. Pérez defende que a transparencia non pode depender de que os grupos da oposición teñan que insistir repetidamente para consultar a documentación.
Por este motivo, o BNG trasladará de novo os feitos á Valedora do Pobo, co obxectivo de que analice a situación e valore a adopción das medidas que correspondan.
A responsábel local conclúe que o Concello debe garantir que os integrantes da Corporación poidan exercer con normalidade as súas funcións de control e fiscalización. Ao seu xuízo, o acceso á documentación municipal é unha cuestión de transparencia e de respecto ao funcionamento democrático da institución.